Os pequenos e pequenas de Gondomar recibirán unha videochamada persoal dos Reis Magos este Nadal

Ante a mensaxe que se transmite constantemente e que se converteu xa en lema sobre que “este ano o Nadal será diferente”, o goberno de Gondomar deseñou un programa de actividades e accións “co que pretendemos salvala para todas e todos, e axudar a que sexa igual de máxica e chea de ilusión que en anteriores edicións”, asegurou o rexedor Paco Ferreira.

O aceso oficial será o próximo día 5 de decembro na Praza da Paradela. Precedido dun espectáculo de animación e maxia a cargo de Sarao Animación. Limitarase o aforo de asistentes na rúa, pero a conta atrás e o aceso poderase seguir por streaming en todo o municipio.

Outro dos puntos álxidos destas festas márcao a presenza dos Reis Magos de Oriente. Os pequenos e pequenas de Gondomar terán a oportunidade de falar con eles e facelo en primeira persoa a través dunha videochamada que recibirán nos seus teléfonos.

Os interesados en participar deben acceder á plataforma http://www.nadal2020.es, onde os pais, titores ou familiares maiores de idade poderán inscribirse seguindo os pasos que se van indicando. Desta forma concretarán unha data e hora na que queiran que os seus pequenos/as reciban a chamada dos Reis Magos.

O alcalde, Paco Ferreira, xa confirmou que se celebrará a Cabalgata o día 5 de xaneiro, “adaptándoa ás novas circunstancias que estamos a vivir e por tanto será estática, situándose na carpa da Praza Paradela” para evitar grandes aglomeracións.

O programa de Nadal completarase con diversas actividades que se desenvolverán ao longo de todo o mes de decembro e que contemplan o monólogo do actor Sergio Pazos, teatro, espectáculos de danza, concerto de Nadal do Grupo de Cámara da Banda de Vincios, e diferentes accións de animación infantil.