Xornada decisiva para a Liga de Outono de J80

A deste sábado será unha xornada decisiva para a Liga de Outono de J80, a competición de monotipos que se disputa en Baiona desde o pasado mes de outubro baixo a organización do Monte Real Club de Yates.

A baía baionesa acollerá as tres últimas regatas do campionato, que acabarán por definir un podio de gañadores que, salvo sorpresas de última hora, ten un claro favorito, o Okofen de Javier de la Gándara.

O J80 liderado polo patrón vigués asinou 5 vitorias nas 6 probas disputadas ata o momento e sitúase, con 5 puntos, á fronte da clasificación cunha marxe bastante cómoda con respecto aos seus rivais máis directos.

Eses rivais, aspirantes a algún dos postos do podio, son o Cansino de Fernando Yáñez e o Spaco de Santiago Estévez, situados en segunda e terceira posición con 15 e 24 puntos respectivamente. E non moito máis afastados deles séguenlles en lista o Luna Nueva de Juan Luis Tuero, con 25 puntos e o Alboroto de Juan Carlos Ameneiro, con 29.

Estará, por tanto, moi rifado, ese centro da lista onde todo pode pasar dependendo da habilidade das tripulacións nas últimas probas do campionato, que volverán ser percorridos dobres entre boias do tipo barlovento sotavento.

A previsión para este sábado anuncia un día bastante outonal, con ceos cubertos, algunha posibilidade de choiva, e ventos de compoñente sur por encima dos 7 nós, podendo chegar por momento ata os catorce.

Unha vez finalizadas as últimas probas na auga, o Monte Real Club de Yates entregará os premios aos gañadores da competición cumprindo os protocolos de seguridade establecidos polo COVID19.