Máis de 400.000 quilos de alimentos recadados na primeira Gran Recollida Virtual

A primeira Gran Recollida Virtual cento por cento levada a cabo por parte da Fundación Provincial Banco de Alimentos foi un éxito rotundo: máis de 400.000 quilos de comida recadada grazas á solidariedade dunha cidadanía máis involucrada que nunca.

Aínda que son datos provisionais por faltar no cómputo o resultado dalgunha que outra cadea de alimentación, trátase dunha cifra sen precedentes nos 25 anos de historia de labor humanitario por parte da entidade. Eses máis de 400.000 quilos de alimentos son o resultado da suma das doazóns económicas entregadas nos supermercados durante a semana pasada, as achegas en liña na súa web e a da Federación Española de Bancos de Alimentos (Fesbal), así como os ingresos vía Bizum.

A pesar de que os voluntarios non puideron recoller fisicamente alimentos como en edicións anteriores e a incerteza que xeraba a nova metodoloxía de doazóns virtuais, desde a ONG móstranse máis que emocionados ante a resposta da cidadanía que, aínda que son tempos complicados, demostrou ser máis solidaria que nunca por encima de pandemias e limitacións.

“Superaremos con fartura os 400.000 quilos de alimentos”, avanza o presidente do Banco de Alimentos, Pedro Pereira, quen agradece publicamente a resposta social destacando que “sabiamos da xenerosidade dos vigueses e pontevedreses, pero descoñeciamos que este ano 2020 aínda nos gardaba unha sorpresa marabillosa en forma de empatía coas persoas máis golpeadas pola actual crise”.

Andeis cheos en próximos días

Durante as seguintes semanas irán chegando aos almacéns de Vigo (Lavadores) e Pontevedra (rúa Faustino Santalices) todas e cada unha desas doazóns virtuais convertidas en produtos básicos, tras a gran compra na que xa están a traballar responsables do Banco de Alimentos. Esta adquisición masiva de comida encherá os actuais andeis baleiros en ambas as naves, polo menos, ata a primavera de 2021.

De carácter apolítica e aconfensional, a Fundación Provincial Banco de Alimentos, creada en Vigo hai 25 anos e con delegación en Pontevedra desde 2014, viu incrementadas as peticións de axuda nun 40 por cento desde que comezou a pandemia. Durante o primeiro semestre deste 2020, a entidade repartiu a nivel provincial, un total de 1.001.425 quilos de comida cubrindo así o 35 por cento das necesidades dos seus destinatarios.

O Banco de Alimentos, que entrega comida a 150 ONG na provincia, dedica os seus esforzos para facer cumprir un dos dereitos humanos máis fundamentais: o acceso a unha alimentación suficiente, segura e saudable de maneira gratuíta.