Intervención pioneira en Povisa para extraer cálculos biliares accedendo a través do fígado

Povisa converteuse no primeiro hospital de España en levar a cabo a extracción dun cálculo nas vías biliares accedendo a través do fígado cun método minimamente invasivo utilizando un colanxioscopio especialmente deseñado para iso, e non a través do duodeno, como adoita ser habitual.

A intervención foi levada a cabo conxuntamente polo servizo de Dixestivo e o de Radioloxía Intervencionista. A necesidade de acceder ás vías biliares a través do fígado produciuse porque o paciente, un home de mediana idade, tiña un antecedente cirúrxico que modificaba a anatomía do tubo dixestivo e impedía o acceso á zona da forma habitual a través da endoscopia dixestiva.

Por iso, o equipo de Radioloxía levou a cabo en primeiro lugar a implantación dun catéter para poder acceder ao fígado e ás vías biliares, a través do cal se introduciu un colanxioscopio de última xeración especialmente deseñado para este acceso, unha tecnoloxía endoscópica que aúna unha cámara de alta resolución coa posibilidade de realizar biopsias, romper cálculos e utilizar cestas para extraelos. Conducindo o colanxioscopio a través do fígado, o equipo médico puido explorar as vías biliares ata localizar o cálculo, que foi eliminado mediante impulsos electro hidráulicos.

Unha mostra da importancia desta intervención, pioneira en España, é o feito de que durante a intervención estivo presente a delegada en Europa de Boston Scientific, a multinacional especializada en tecnoloxía médica que desenvolveu o colanxioscopio.

Os cálculos biliares son depósitos cristalinos na vesícula biliar ou nas vías biliares cunha prevalencia nos países desenvolvidos que pode chegar ao 25% da poboación. É máis frecuente nas mulleres e nas persoas de idade avanzada. Poden causar moita dor e ser a orixe de patoloxías potencialmente mortais como a pancreatitis ou a colanxitis.