Os hostaleiros reúnense cos alcaldes de Nigrán e Baiona

O pasado día 19 de novembro tivo lugar unha reunión no campo de fútbol de Monte Lourido (Praia América – Nigrán), con máis de medio centenar de hostaleiros de todo o Val Miñor. Desta reunión saíu unha comisión xestora, formada por membros da xunta directiva de OVALMI e representantes dos hostaleiros dos tres concellos, encargada de dirixirse ás administracións públicas e outros organismos para solicitar axudas para o seu sector.

Reunidos nas oficinas da Asociación de Empresarios e Comerciantes do Val Miñor (OVALMI), este martes 24 de novembro a xestora mantiña o seu primeiro encontro coa Federación de Hostalería de Pontevedra (FEPROHOS). Nesta reunión tratáronse temas tan importantes como os ERTEs denegados polo SEPE a hostaleiros do Val Miñor, a escaseza de axudas a nivel autonómico a data de hoxe ou a implicación que deberían tomar os tres concellos do val, para poder axudar a un sector gravemente ferido.

É de recalcar que o peche da hostalería, non só afecta os empresarios hostaleiros, senón tamén aos seus traballadores, familias e todos aqueles provedores que traballan directamente con eles (adegas, cervexeiras, carnicerías, panaderías, etc.).

Por outra banda, esta mañá, 25 de novembro, a comisión xestora reuniuse na sede de OVALMI co alcalde de Nigrán, Juan González, ao cal se lle presentaron as diferentes problemáticas ás que se enfronta a hostalería do seu concello. Juan González, chegaba ao compromiso de axudar en todo o posible e dentro da legalidade ao seu sector.

O Concello de Nigrán afirmou que manterá a bonificación da taxa das terrazas ao longo do ano 2021, así como implantará medidas e campañas de axuda concretas para a hostalería e que en breve abrirase o prazo para presentar as bonificacións no lixo e auga, tal e como anunciaba hai uns días. Noutro sentido, adiantou que a súa intención é fomentar o turismo e potencialo ao longo de todo o ano 2021, co fin de beneficiar á hostalería.

Horas máis tarde, reuníronse, no Concello de Baiona, co seu alcalde, Carlos Gómez, ao cal tamén presentaron as súas demandas. Pola súa banda, Carlos Gómez mantívose na mesma liña que Juan González, apoiando e buscado medidas de axuda para a hostalería do seu municipio, considerando que a hostalería potencia o turismo, fonte de ingresos de gran número de negocios do Val Miñor.

Ambos os dous alcaldes expresaron a súa intención de valorar cos seus técnicos a viabilidade de incluír axudas directas para a hostalería.

O vindeiro venres 27, a comisión xestora reunirase co alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, esperando contar co seu apoio.