Podemos Nigrán considera insuficientes as medidas de axuda á hostalería

O pasado 6 de novembro Podemos Nigrán e o grupo local de Esquerda Unida presentaron unha moción conxunta na que solicitaban levar a pleno unha serie de medidas fiscais entre as que se encontraba valorar a exoneración (exención do pago das taxas) das ordenanzas fiscais que crean as taxas do lixo e das terrazas para o sector hostaleiro, dada a situación tan precaria que está a vivir este sector debido ao peche por segunda vez deste gremio dende que se decretou o estado de alarma o 14 de marzo debido á COVID-19.

“As axudas anunciadas estes días por parte do goberno socialista municipal non poden verse reducidas á simple devolución dunha parte proporcional equivalente ao tempo que este gremio se mantivo pechado”, declaran dende o Círculo de Podemos de Nigrán.

“É preciso que o Grupo de Goberno vexa a realidade da situación na que se atopa tanto o sector da hostalería como o comercio local, tome medidas suficientes e que se comprometa a facilitar e aliviar na medida do posible a carga económica que están a padecer as familias que dependen destes negocios para poder vivir”, apuntan dende a formación morada.

Polo tanto, dende Podemos Nigrán ven necesario e de extrema urxencia que o Grupo de Goberno, e máis concretamente dirixíndose ao Alcalde desta corporación municipal, tome a decisión de exonerar destas dúas taxas, lixo e terrazas (ocupación da vía pública) aos establecementos de hostalería durante o que queda deste ano e o vindeiro ano 2021, e se estude a posibilidade de ampliar esa exención ao exercicio económico do ano 2022.