O instituto Terra de Turonio de Gondomar presenta un traballo de recolla da imaxes do patrimonio cultural, organizado polo Departamento de Lingua e literatura galega do centro para participar no III Certame “As imaxes do patrimonio”.
Traballo de recolla
No proceso participou a maior parte do alumnado do centro realizando unha procura de imaxes na contorna familiar onde descubriron, xunto coas fotografías, unha grande cantidade de historias e anécdotas das súas familias. As imaxes foron dixitalizadas para a súa conservación e cada alumno/a elaborou un texto sobre cada fotografía. Esta actividade permitiulle ao alumnado coñecer a súa propia historia e a da súa familia. Un diálogo interxeracional que contribúe a transmitir este patrimonio inmaterial ás novas xeracións.
Exposición
Coas imaxes e os textos organizouse unha mostra impresa no centro con proxeccións e difundiuse entre o alumnado nas redes sociais.
Xunto coas imaxes recolléronse interesantes historias de vida e memorias de feitos relevantes para a comarca. Por exemplo, unha alumna achegou unha fotografía do seu bisavó, mestre gaiteiro do grupo Os Galiños de Belesar, que participou na inauguración da RTVE en Prado del Rey en Madrid. A imaxe do seu bisavó testemuña este feito aparecendo vestido de gaiteiro no parque do Retiro en Madrid. As imaxes do NODO sobre a inauguración de RTVE recollen esta actuación.
As romarías das Angustias de Nigrán, as festas dos Milagres de Peitieiros, a Virxe dos aflixidos de Zamáns son algunhas das fotografías que mostran as raíces das celebracións festivas da comarca. Outras de carácter máis etnográfico mostran os traballos das leiteiras levando o leite a Vigo, do xa desaparecido curro de Vilas, en Morgadáns, os primeiros xogos de bolos ou traballos agrícolas como as labradas, sementeiras ou colleitas.
Unha das imaxes máis curiosas mostra a chegada do presidente de Arxentina Juan Domigo Perón, a Madrid, durante o seu exilio no que participou un familiar dun alumno do centro.
Premio no 3º certame “As imaxes do patrimonio”
Na participación no certame que convoca Ponte…nas ondas! entre centros educativos galegos e portugueses o instituto obtivo un accésit na categoría de ensino secundario. A imaxe premiada foi á da alumna Paula Comesaña de 3º ESO que presentou unha fotografía da súa avoa, cun texto manuscrito no reverso, que no seu día foi empregada para comunicar o seu estado de saúde ao pai emigrado en Uruguay. No texto descritivo, Paula conta:
“Esta é a miña avoa Elsa con 11 meses de idade. A foto foi tomada na parroquia de Santa María de Chaín, Gondomar, para que o seu pai, Marcelino, que emigrara a Montevideo-Uruguay, coñecera a súa filla, que naceu estando el alí.
Por detrás desta foto, a súa nai, Dorinda Nieves (miña bisavoa), escribiulle como se atopaba a nena”.
Patrimonio como identidade
O nome do instituto, Terra de Turonio, identifícao co territorio onde se sitúa e coa súa primeira denominación, documentada desde o século V no Cronicón de Idacio, bispo de Chaves.
Neste curso, cando se cumpren 20 anos da súa creación, o centro estrea un novo logotipo que acolle dous elementos que lle dan identidade: os cabalos e a serra do Galiñeiro. O ciclo de “Condución de actividades físico-deportivas no medio natural” permite ao alumnado un coñecemento directo do medio e do seu patrimonio con prácticas reais.

