Nigrán crea un novo espazo axardinado na esquina entre Manuel Lemos e o Camiño da Cabreira, na Ramallosa

O Concello de Nigrán rematou onte os traballos para dotar dun espazo axardinado o cruce entre a rúa Manuel Lemos e o Camiño da Cabreira, na Ramallosa. Tras inhabilitarse un carril de saída de vehículos polas obras de mellora da seguridade viaria na PO-552 a cargo da Xunta, o Concello aproveitou ese lugar para crear un punto verde de 50 metros cadrados. As obras correron a cargo de operarios municipais e a plantación foi por parte de Figueragro, empresa local que subministrou as plantas.

O novo xardín, dotado de rego automático, conta con catro grandes cycas revoluta, tres diksonias antásticas, cinco cycates (fento arbóreo), 58 buxos, 32 agapanthus e 28 fentos ornamentais. Ao sei carón, na beirarrúa de Camiño da Cabreira, o Concello instalou un banco de pedra con asentos de madeira de 2,5 metros de largo.

“O obxectivo era crear un espazo axardinado nesta confluencia totalmente urbana para, precisamente, suavizar esa sensación que produce o asfalto e, ao mesmo tempo, por en valor a zona comercial tamén como punto de encontro da veciñanza”, destaca o alcalde, Juan González.