Un estudante de Gondomar, recoñecido cun Premio extraordinario de ESO ao rendemento

FOTO: IES AUGA DA LAXE // Josué Troncoso Campos.

A Xunta vén de recoñecer o traballo de 20 estudantes de centros educativos galegos cos Premios extraordinarios de ESO ao rendemento académico correspondentes ao curso 2019/2020. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución destes galardóns, que teñen como obxectivo dar valor e dar visibilidade pública ao esforzo e dedicación do alumnado que cursou esta etapa educativa cun excelente aproveitamento. Entre os alumnos premiados nesta edición está Josué Troncoso Campos, do IES Plurilingüe Terra de Turonio de Gondomar.

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade dota cada un destes premios cun galardón de 750 € un diploma acreditativo. O recoñecemento figurará, ademais, no expediente académico de cada persoa galardoada. Puideron acceder a esta convocatoria as alumnas e alumnos que cursasen o pasado ano académico o cuarto curso da Educación Secundaria Obrigatoria e que obtivesen no conxunto da etapa unha nota media igual ou superior a nove puntos. Os presentados deberon, así mesmo, realizar unha proba específica.