Miguel Ángel Fernández, primeiro e importante fichaxe do Vigo-Rías Baixas

Un corredor procedente do pelotón profesional convértese no primeiro reforzo do Vigo-Rías Baixas para a tempada 2021. Miguel Ángel Fernández regresa á categoría Elite-Sub23 para ser unha das referencias da estrutura presidida por José Luis Chamorro. O cántabro, de 23 anos, é un dos sprinters máis destacados do panorama estatal.

Defendendo as cores do Aldro Team e do Cafés Baqué, o ciclista de Liaño logrou tres triunfos de prestixio durante a súa primeira etapa como amateur: impúxose no Memorial Agustín Sagasti e dúas veces no Gran Premio San José de Astillero. O seu rendemento permitiulle recibir a chamada da Selección Española sub23, coa que obtivo a sétima posición na Volta á Rioxa 2017 competindo xunto a profesionais.

De fronte ao 2020 decidiu probar sorte no equipo continental venezolano Gios e na súa estrea ao máximo nivel subiu ao podio como gañador de Metas Volantes no primeiro trofeo da Challenge Ciclista a Mallorca. Con todo, a crise sanitaria provocada pola covid-19 frustrou os plans do velocista para este ano: “Foi unha pena porque estaba moi ilusionado, pero a pandemia deixounos practicamente sen calendario”.

Buscando relanzar a súa carreira, Fernández aceptou a oferta do Vigo-Rías Baixas porque “é un equipo que corre todo o calendario español e gustoume o que me propuxeron”. O acordo pechouse no bufete vigués Gándara Moure, onde o seu director Agustín Gándara exerceu de anfitrión na reunión mantida entre o ciclista cántabro e José Luis Chamorro.

“Todas as carreiras son importantes, pero gustaríame centrarme na Copa de España”, comenta Fernández, que chegou a enfundarse a camiseta de líder sub23 do certame estatal. A flamante fichaxe do conxunto flúor defínese como “un ciclista moi rápido” e ás ordes de Marcos Serrano desexa “traballar para pasar a media montaña e así chegar máis veces ao sprint en grupos reducidos”.