Gondomar dá un paso máis na reciclaxe e reutilización de residuos electrónicos

“Con feitos e accións concretas seguimos avanzando na nosa aposta clara por converternos nun municipio referente na loita contra o cambio climático, así como en materia de reciclaxe e reutilización dos residuos electrónicos e eléctricos”, manifestou o alcalde Paco Ferreira, quen subliñou “que neste labor queremos implicar a toda a poboación facilitándolle os medios necesarios para desbotar de forma segura os produtos que xa non usan”.

Con esta finalidade instalaranse no municipio tres caixas de recollida destinadas especificamente para os teléfonos móbiles e tablets, pilas, e, cargadores, que poderán ser depositados alí pola veciñanza e que posteriormente depositaranse no punto limpo. Esta acción complétase cun tótem informativo situado nun lugar accesible a todos para achegar información sobre o proceso de reciclaxe e reutilización destes materiais, así como sobre a súa capacidade altamente contaminante.

Todos eles conformarán un “miniecopunto” que rotará a súa localización para chegar así ao maior número de persoas posible. O primeiro punto no que se colocará será a Praza de Abastos, para posteriormente ser trasladado por períodos de 15 días -que serán publicitados con anterioridade- aos centros culturais das parroquias de Gondomar, así como aos CEIP Chano Piñeiro, Neira Vilas e Serra Vincios, Souto Donas e os IES Auga da Laxe e IES Terra Turonio.

Esta medida enmárcase entro do proxecto de Estratexia Sostible Transfronteiriza para a Xestión de Residuos e Aparellos Electrónicos (ESTRAEE), promovida pola Deputación Provincial e á que se adscribiu o concello de Gondomar, e cuxa finalidade é impulsar no espazo transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal a xestión do lixo electrónico. O Concello de Gondomar contará, ademais, dun espazo específico no punto limpo, cunha nova transpaleta no recinto para facilitar a recollida e almacenamento dos residuos.