Sin categoría

Desaparecen as dúas fotografías da mostra “Corpos, Feminismo e Territorio” que levantaron polémica

A Concellería de Igualdade do Concello de Baiona informa da desaparición de dúas fotografías da exposición “Corpos, Feminismo e Territorio”. Concretamente desapareceron as dúas imaxes que levantaron polémica estes días nos medios de comunicación e nas redes sociais.

A concelleira de Igualdade, Yasmina Moreira, condena este “suposto acto delictivo”, lamenta a súa desaparición e informa de que se vai proceder a investigar o acontecido e interpor a denuncia pertinente chegado o caso.

A exposición fotográfica “Corpos, Feminismo e Territorio” é unha obra composta por 18 instantáneas do fotógrafo Alexandre Folgoso, do colectivo LGTBI, que á súa vez traballou coas mulleres da asociación cultural A Galleira. Trátase dun préstamo gratuíto do artista e das mulleres que posaron para as fotografías.

Esta mostra formou parte da programación do Outubro Diverso, programación socio-cultural que tivo como obxectivo sensibilizar, educar e poñer en valor o traballo e as diferentes realidades do colectivo LGBTIQA+.