Podemos Baiona propón crear bonos para incentivar o comercio local con parte dos cartos do alumeado de Nadal

O Círculo Podemos Baiona presentou este martes dúas mocións de propostas de apoio ao comercio e hostalaría, instando ao Concello a, nun caso, destinar unha porcentaxe do presuposto do alumeado de Nadal á creación de bonos para incentivar o comercio local, e no outro a derrogar ou modificar ordenanzas fiscais co fin de aliviar a carga económica da hostalaría local.

A situación actual do comercio local e, sobre todo, da hostalaría sobrevida pola COVID-19, é crítica na nosa comunidade autónoma. Baiona non escapa a esta situación, e as restricións decretadas pola Xunta de Galicia deixan desamparadas a moitas familias que traballan neste sector e viven do mesmo, que aínda non sendo restritivas para o municipio, si o son para os lindeiros, de onde provén moita da súa clientela.

Un sector que é parte esencial no tecido produtivo e económico de Baiona. As restricións de aforo e horarios aos que se ve sometida esta colectividade laboral, a pesar de ser necesarias para frear a ola de contaxios, dificultan seriamente o desenrolo da súa actividade.

O Círculo de Podemos de Baiona propón que o pleno aprobe a creación dun sistema de bonos que incentiven o consumo tanto no comercio local como na hostalería, financiando o importe deste sistema de bonos mediante unha transferencia de crédito procedente da partida orzamentaria prevista para custear o alumeado de Nadal deste ano reducindo no 80% o investimento nesta materia.

Modificación de ordenanzas fiscais

O Círculo de Podemos pide tamén ao Concello de Baiona a exención do pago da Taxa de Ocupación de Terreos de uso Público con Mesas, Cadeiras, Tarimas e Outros Elementos Análogos con Finalidade Lucrativa, para todos os establecementos dedicados á hostalaría durante todo o ano 2021, mediante a derrogación de dita Ordenanza Fiscal, e se estude a posibilidade de ampliar dita exención ao ano 2022.

Así mesmo a exoneración da taxa pola prestación do Servizo de Recollida do Lixo, para os establecementos dedicados á hostalaría durante todo o ano 2021 e aplicación de bonificacións en dita taxa par aqueles establecementos do comercio local que se visen afectados polo peche ou mingua da súa produtividade durante o espazo temporal marcado polo decreto do estado de alarma do pasado 14 de marzo.