Os hostaleiros do Val Miñor lanzan un SOS e piden axudas directas urxentes

Hostaleiros do Val Miñor concentráronse este martes para lanzar un SOS que evite a morte do sector, tras as medidas tomadas pola Xunta de Galicia e publicadas no DOG do 4 de novembro de 2020, endurecendo as medidas cara á hostalería e restauración para impedir o avance do Covid-19.

Primeiro concentráronse diante dos concellos de Nigrán, Gondomar e Baiona, para despois dirixirse cara á ponte da Ramallosa. Alí reiteraron que a hostalería “non é o problema” e reclamaron axudas directas urxentes e a redución de taxas municipais para poder sobrevivir.

O sector da hostalería e restauración vese claramente afectado e ameazado, debido ás medidas tomadas pola Xunta de Galicia, nas que consideran que se fai “culpable” do avance do Covid-19 a un sector, xa de seu, castigado duramente ao longo desta pandemia.

Este peche total dos seus negocios conlevará que moitos deles non poidan volver abrir unha vez finalizado este período, xa que as débedas estivéronse acumulando debido ao confinamento e aos gastos que se foron asumindo para adecuar os seus locais ás novas necesidades.