O Banco de Alimentos lanza a súa primeira Gran Recollida virtual

A Fundación Provincial Banco de Alimentos, con sede en Vigo e delegación propia en Pontevedra, lanza a que será a súa primeira Gran Recollida (GR2020) integramente virtual, mentres atende xa a un 40 por cento máis de persoas vulnerables como consecuencia da pandemia.

Así o informaron hoxe en rolda de prensa o presidente e vicepresidente da entidade, Pedro Pereira e Iván Martínez, respectivamente, acompañados polo máximo responsable da ONG en Pontevedra, José Luis Doval. “2020 está a ser un ano moi duro, pero o que vén será aínda peor”, indicou Pereira, á vez que sinalou que “o perfil” das persoas que reciben alimentos é diverso “algunhas delas, xamais pensaron en estar onde se atopan hoxe”.

Ao non poderse recoller comida de maneira física nos supermercados adheridos á campaña, todas as doazóns serán económicas ao pasar por caixa, ao longo da próxima semana, do 16 ao 21 de novembro. As persoas que queiran colaborar farano achegando 1€, 3€, 5€, 10€ ó 20€, un importe que aparecerá reflectido no ticket de compra como doazón aos Bancos de Alimentos que forman parte da Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL).

Así mesmo e desde xa, poden adquirirse cestas solidarias de alimentos de 10€, 20€ e 30€ a través da súa web: http://www.bancoalimentosvigo.org e realizar achegas dinerarias vía BIZUM co código 01139.

Non haberá voluntarios nesta Gran Recollida (GR2020), non se mobilizará aos 2.000 voluntarios cos que se contaba todos os anos, senón que será persoal habitual da Fundación Provincial Banco de Alimentos o que estará presente nos distintos centros comerciais para levar a cabo labores informativas. Trátase de que as persoas que vaian aos supermercados durante a semana do 16 ao 21 de novembro conten con información “in situ” da campaña, a través destas persoas perfectamente identificadas con chalecos corporativos da ONG.

Padriños e madriñas con #granrecogidavigoypontevedra

Tampouco haberá un padriño ou madriña sorpresa como viña sendo tradición no Banco de Alimentos en cada GR, senón que, nesta ocasión, contarán coa implicación activa da súa “pequena-gran familia” de embaixadores á campaña en redes sociais co hashtag: #granrecogidavigoypontevedra. Dita acción será similar á que realizaron en pleno confinamento, durante o mes de abril e impulsada polos cantantes Amaro e Iván Ferreiro, titulada #yoayudoalbancobueno e que foi todo un éxito recadando preto de 100.000 quilos de comida.

Animarán ás persoas, unha vez realizado o seu donativo económico no supermercado, que adquirisen unha cesta solidaria a través da nosa web ou achegasen por BIZUM que se fagan unha fotografía cun cartel que poña #granrecogidavigoypontevedra, compártana nas súas redes sociais e nomeen a dúas persoas para que fagan o mesmo.

“Desde que comezou a crise sanitaria o pasado mes de marzo, unhas 8.000 persoas sen recursos máis, rozando xa as 30.000, reciben alimentos en toda a provincia de Pontevedra, unha cifra nunca rexistrada ao longo dos 25 anos da nosa actividade humanitaria”, manifestou Martínez.

Actividade Vigo e Pontevedra

A Fundación Provincial Banco de Alimentos, creada en Vigo hai 25 anos e con delegación en Pontevedra desde 2014, repartiu a nivel provincial e durante os seis primeiros meses deste 2020, un total de 1.001.425 quilos de comida cubrindo así o 35 por cento das necesidades dos seus destinatarios.

No caso de Pontevedra e a súa comarca, ao redor de 350.000 quilos de alimentos ata outubro. A ONG desde a nave da rúa Faustino Santalices atende xa a unhas 6.000 persoas vulnerables, a través dos 36 colectivos sociais cos que traballa.

O Banco de Alimentos, que se caracteriza por ser apolítico e aconfesional, dedica os seus esforzos para facer cumprir un dos dereitos humanos máis fundamentais: o acceso a unha alimentación suficiente, segura e saudable de maneira gratuíta.