Gondomar distinguido co Premio Gran de Area de Aportación á Arquitectura 2020

O proxecto de recuperación do contorno do Peto de Ánimas de Piñeiro, desenvolto polo arquitecto Santos Vila González, foi distinguido co Premio Gran de Area de Aportación á Arquitectura 2020, galardón que, anualmente, concede o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), e que destaca o proxecto por recuperar e poñer en valor o camiño histórico que unía a vila coa Igrexa de San Miguel, en Peitieiros.

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, manifestou a súa satisfacción ante este recoñecemento “para o noso pobo, no que traballamos para que se converta nun referente de espazos públicos pensados para a veciñanza e o seu goce”.

A actuación executada contou cun investimento de 48.656 euros no marco do Plan Concellos da Deputación, e centrouse na contorna do Peto de Ánimas de Piñero co obxectivo de reurbanizar esta zona destacando o seu valor patrimonial. Para iso creouse un espazo de protección en torno ao Peto de Ánimas e habilitáronse dous accesos á praza refundida mediante dous chanzos.

A execución deste espazo aberto crea unha bancada con dúas plataformas de madeira a forma de banco “para fomentar o encontro dos cidadáns, delimitándose coa plantación de árbores e dotando de iluminación todo o espazo.”

Paco Ferreira subliña que “recuperar aos poucos a gran riqueza patrimonial e etnográfica coa que contamos é un dous obxectivos deste equipo. Estas pezas forman parte da nosa historia e, sen dúbida, é un atractivo turístico que se suma aos moitos que xa ten Gondomar, e neste sentido seguiremos traballando”.

Por último, o alcalde congratúlase do cambio de tendencia logrado nestes últimos anos no que Gondomar “ocupa as páxinas de actualidade coa aprobación e posta en marcha de proxectos que están a convertelo nun referente no sur da provincia de Pontevedra, lonxe da imaxe negativa que o perseguía en anteriores lexislaturas”.