Manifesto Miñor, traballando en positivo

Este xoves a Corporación Municipal de Gondomar celebrou o pleno ordinario correspondente ao mes de novembro con importantes asuntos na Orde do Día como foi a aprobación, por unanimidade, do proxecto de urbanización da primeira fase do Polígono Industrial da Pasaxe xunto co prego de cláusulas administrativas para poder sacar a concurso público as obras do mesmo. Con esta aprobación finaliza un ronsel de trámites e xestións, non exento de atrancos, onde o diálogo e o consenso entre as partes foron a clave para culminar un proceso colectivo no que traballaron diferentes gobernos municipais dende o ano 2008 que comezou coa sinatura do convenio entre o Concello de Gondomar, CCMM de Vincios, Asociación de Empresarios e a Consellería de Industria. “Foi unha decisión política, tan arriscada como necesaria”, afirma Antonio Araújo, naquel momento alcalde, “pero, cómpre recoñecer que o éxito veu dado polo apoio incondicional da conselleira Teresa Táboas que puxo enriba da mesa o seu compromiso persoal e político e os 500.000€ para contratar a redacción do Proxecto Sectorial que onte viu cumprido os obxectivos marcados”.

No mesmo pleno foron aprobadas tres mocións presentadas por Manifesto Miñor que poden ser de moito beneficio para unha parte importante da veciñanza do Concello, especialmente para o alumnado das escolas e institutos públicos e para levar servizos básicos ás parroquias.

ELININACIÓN DA ESTACIÓN DE BOMBEO DA PONTE DA SERRA

Foi aprobada por unanimidade a moción para realizar os estudos técnicos necesarios e redactar o correspondente proxecto técnico dun treito de saneamento entre o barrio de A Torre e o Muíño de Quintas, co obxecto de eliminar a estación de bombeo situada na Ponte da Serra, na que dende a súa instalación hai 10 anos, o Concello leva gastado máis de 100.000€ en reparacións de avarías e mantemento en xeral. “Dende Manifesto Miñor presentamos unha alternativa que cremos viable para que este saneamento poida caer por gravidade e evitar os mencionados gastos, e sobro todo, a contaminación do Río Morgadáns que provocan as frecuentes avarías”.

SOLICITAR DA XUNTA A INSTALACIÓN DE SISTEMAS DE DEPURACIÓN HEPA NOS CENTROS DE ENSINO PÚBLICO

Como é sabido en varios colexios da comarca, algúns deles de Gondomar, entre as ANPAS e os propios profesores mercaron depuradores de aire HEPA topando coa incomprensible postura da Consellería de Educación, que desaconsella o uso destes depuradores de aire nas aulas dos centros escolares de Galicia sen especificar en qué basea esta decisión. Por outra banda, o CSIC, máximo organismo científico deste país, publica as súas recomendacións para a ventilación das aulas, baseadas nas investigacións máis rigorosas e punteiras e seguindo a estela do protocolo de Harvard, propoñendo os HEPA como unha axuda indispensable para mellorar a ventilación das aulas e baixar a carga vírica naquelas circunstancias polas que por meteoroloxía ou contaminación ambiental non é posible manter as ventás abertas de xeito continuado.

Para Manifesto Miñor resulta evidente que a única razón que hai detrás desta postura da Consellería non é outra que o temor a abrir a espita das reclamacións para instalar estes depuradores de aire en todos os centro do país. Unha vez máis poñendo por diante da saúde dos máis cativos criterios mercantilistas. Pois ben, o Pleno da Corporación Municipal de Gondomar acordou, coa abstención do PP, “que prefire defender a seus xefes da Xunta”, lamenta Araújo, demandar da Consellería de Educación que permita a instalación nos centros educativos de equipos HEPA portátiles para engadir unha capa máis de protección fronte á transmisión da COVID 19, facéndose cargo da devandita instalación e subministro a propia Consellería.

FIBRA ÓPTICA

Por último aprobouse por unanimidade reclamar da Xunta de Galicia e do Concello que se teñan en conta como núcleos ou asentamentos poboacionais independentes, tal como figuran no Nomenclátor Oficial da Xunta de Galicia ou no Plan Básico Autonómico, os núcleos de A Fontiña na Portavedra, Murxido en Prado, e A Fraga de Couso, para que deste xeito se poidan incorporar ao proxecto de tendido da rede e se poidan instalar nos mesmos as caixas distribuidoras de fibra, dándolle traslado das modificacións á Xunta de Galicia, e que esta llelo comunique con urxencia á operadora Telefónica de España, S.A, responsable dos proxectos.