Povisa foi recoñecido hoxe polos Premios New Medical Economics 2020 como o hospital privado con mellor xestión de España. O centro sanitario, que forma parte do grupo Ribera Salud, recibirá o galardón o próximo 25 de novembro.
New Medical Economics é unha revista especializada en contidos de xestión sanitaria. Os seus premios teñen carácter anual e 14 categorías, e atópanse entre os máis prestixiosos do sector, xa que son propostos por un panel de expertos e votados por lectores e xornalistas especializados. Entre os premiados noutras edicións atópanse as institucións e hospitais sanitarios máis importantes de España.
Na edición de 2019, Povisa xa foi finalista nos premios NME na categoría de “Institución sanitaria con mellor colaboración público-privada”.
O galardón súmase á longa lista de recoñecementos que recibiu o hospital Povisa nos últimos anos. En 2020 xa foi distinguido como mellor centro sanitario privado de Galicia na IV Edición Premios á Sanidade, organizados por Redacción Médica, celebrada no mes de febreiro.
Coa acreditación da Joint Commission en 2013, Povisa alcanzou tamén un fito na historia dos hospitais galegos –foi o primeiro de Galicia en obtela e segue sendo o único-, froito do esforzo dos seus traballadores e dunha procura da excelencia que tivo xa importantes recoñecementos. Así, en 2016 obtivo o premio da Fundación Avedis Donabedian á calidade asistencial, considerado o máis prestixioso de España, o premio da Fundación Ad Qualitatem á Innovación Sanitaria e o premio á mellor comunicación da Sociedade Galega de Calidade Asistencial polo sistema de roldas de seguridade posto en marcha polo hospital.
En 2011 foille outorgado por parte da Fundación Roche o Premio Nacional á Mellor Iniciativa para a Seguridade do Paciente, e en 2012 converteuse no primeiro hospital de España en obter a Certificación Nacional de Seguridade Asistencial, ademais de recibir en Copenhague o Premio Internacional EMRAM – Electronic Medical Record Adoption Model- á innovación tecnolóxica. É, tamén, un dos 6 hospitais españois acreditado como Centro de Man pola Federación de Sociedades Europeas de Cirurxía da Man – FESSH-, e recibiu a acreditación Quality Healthcare do Instituto para o Desenvolvemento e Integración da Sanidade, ademais de converterse no único hospital galego en obter a esixente certificación UNE 179003 de seguridade no servizo de radiodiagnóstico, polo que pasan diariamente 700 persoas, e de recibir o premio Profesor Barea pola xestión integral das vías clínicas de prótese total de cadeira e de xeonllo.
O maior hospital privado de España
Povisa, cos seus máis de 40.000 m2, 573 camas instaladas e máis de 1.500 traballadores, é o centro hospitalario privado máis grande de España. No ámbito público, xestiona para o Sergas a atención a uns 135.000 pacientes de Moaña, Cangas, Vigo e Val Miñor.
É referencia para o Sur de Galicia en Cirurxía Complexa do Membro Superior, Cirurxía do Nervio Periférico, Cirurxía Maxilofacial, Queimados, Cirurxía Plástica Infantil e Litotricia (esta última só para a área de Vigo). Conta tamén cun servizo de urxencias as 24 horas con todas as especialidades, e cos máis modernos sistemas de organización e diagnóstico. Povisa é, tamén, o único hospital privado de Galicia, e dos poucos de España, que ten formación MIR para especialistas en Medicina Interna, Cirurxía Xeral, Anestesioloxía, Radioloxía, Traumatoloxía e Medicina Familiar e Comunitaria. Neste ámbito da formación conta ademais co Centro de Estudos Povisa, con sede en Vigo, e onde diplomáronse máis de 1.500 estudantes en Enfermería e Formación Profesional orientada especialmente ao ámbito sanitario.

