O TSXG rexeita obrigar á Xunta a impartir clases online e a permitir o absentismo escolar pola covid-19

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) denegou impoñer á Consellería de Educación a adopción das medidas cautelarísimas solicitadas por unha das familias contrarias a que os seus fillos e fillas asistan ás clases de forma presencial durante a pandemia da covid-19. O alto tribunal galego, por tanto, rexeita ordenar á Xunta “a implementación dos mecanismos online que sexan necesarios para evitar todo contacto físico con persoal docente alleo aos fogares dos menores”, así como “o cesamento da tramitación dos protocolos de absentismo ou, de ser o caso, a non incoación de tales protocolos durante a tramitación do procedemento xudicial”.

A sección terceira da Sala do Contencioso-Administrativo explica na resolución que nesta fase do procedemento non lle corresponde ao tribunal entrar a valorar a cuestión de fondo, algo que “queda reservado á sentenza”. Neste auto só se pronuncia sobre a solicitude desas medidas cautelarísimas esixidas por unha das familias demandantes. Os maxistrados lembran que este tipo de medidas, que se adoptan sen oír á parte contraria, é dicir, ás Consellerías de Educación e de Sanidade, só é posible adoptalas “se se pon de manifesto unha urxencia especial ou extraordinaria, isto é, de maior intensidade á normalmente esixible para a adopción das medidas cautelares”.

Os xuíces lembran que nesta fase “tan prematura do procedemento”, o seu labor está limitado a comprobar se concorre a existencia de especial urxencia, algo que considera que non acreditou a parte solicitante das medidas cautelarísimas. O TSXG subliña que “non se pode acceder á pretensión” porque non hai urxencia, xa que “detrás de todas as medidas que establece a Xunta, incluídas as que agora son obxecto de impugnación, subxace o interese en evitar a aglomeración de alumnos, de procurar que se respecten as medidas de distanciamento e, en definitiva, de protexer a saúde pública facendo fronte aos gromos e ás cadeas de transmisións existentes, procurando garantir a súa contención”. A non asistencia aos centros educativos que esixen os demandantes, así como o cesamento de tramitación dos protocolos de absentismo, segundo recalcan os maxistrados, “constitúe a cuestión de fondo, cuxo axuizamento non pode anticiparse en ningún incidente cautelar do tipo que sexa”.

No auto, o TSXG ordena continuar coa tramitación do procedemento como medida cautelar. Polo tanto, examinará as alegacións da Xunta, algo que non se permite nas medidas cautelarísimas, e decidirá se toma ou non as medidas solicitadas pola parte demandante. O Superior resolverá de forma individual sobre cada unha das peticións e demandas das familias contrarias a que os seus fillos e fillas asistan ás clases de forma presencial porque cada caso ten unhas características concretas.