O Monte Real Club de Yates e Prado Surf Club recibirán axudas para actividades de carácter turístico

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar a concesión das subvencións, en concorrencia competitiva, que permitirán a entidades de 14 concellos desenvolver actividades de carácter turístico na provincia de Pontevedra. Estas axudas, ás que este ano a institución destina 95.000 euros, teñen como obxectivo colaborar co fomento do turismo e a profesionalización do sector, así como promover a realización de accións con repercusión turística provincial.

Son un total de 24 as asociacións beneficiadas radicadas en Vigo, Cangas, Cambados, Baiona, Bueu, A Estrada, A Guarda, Lalín, Mos, Pontevedra, Redondela, Tui, O Rosal e Santiago. As actividades que desenvolverán inclúen, entre outras propostas, proxectos para a difusión do patrimonio inmaterial da provincia, de turismo náutico, actividades de formación e de enogastronomía e tamén actividades deportivas e culturais para a promoción turística.

Máis polo miúdo, en Vigo recibirán estas axudas a Asociación Sociocultural e Deportiva Sinerxías 360; a Asociación Empresarial Industriais e Comerciantes Zona das Travesas (Aetravi); Asociación Ría de Vigo de Entidades Náuticas; o Club Montañeiros Celtas; a Federación de Empresarios de Hostalería; a Fundación Ceo de Ciencia e Cultura; a Fundación para a Pesca e o Marisqueo; o colectivo Idílicamente; o Prado Surf Club e a entidade The Wild.

No que se refire a Cangas, recibirán estas achegas a Asociación Cultural Lembranzas da Ría e a Asociación para a Promoción Turística do Morrazo, mentres que en Pontevedra beneficiarase da axuda a Asociación para o Desenvolvemento Educativo e Cultural. As outras entidades beneficiadas son a Asociación Xuventudes Musicais Eixo Atlántico (Tui); o Monte Real Club de Yates (Baiona); a Asociación Cultural Cinematográfica de Galicia Fic Bueu deste concello; a Asociación Ruta do Viño Rías Baixas (Cambados); Asociación de Turismo Rural Mar de Compostela (A Estrada); Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro (A Guarda); Asociación Amigos do Museo Casa do Patrón (Lalín); Asociación de Veciños Santa Baya (Mos); Asociación Cultural de Mulleres e Homes do Mar de Cesantes (Redondela); a Asociación Agrupación Musical do Rosal e a Asociación de Clubs Náuticos de Galicia (Asnauga) que, aínda que ten a súa sede en Santiago, desenvolverá a Travesía Náutica Xacobea de peregrinación pola ruta sur desde Baiona.