Iria Misa gaña o IV Premio Agustín Fernández Paz

A escritora Iria Misa Peralba resultou gañadora do IV Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade, convocado polo Instituto de Estudos Chairegos, o Concello de Vilalba e Edicións Xerais de Galicia, unha edición na que participaron 21 obras. O xurado do certame, formado por Antía Yáñez Rodríguez, Manuel Bragado Rodríguez e María Xesús Fernández Fernández, acordou este venres por unanimidade outorgar o premio á obra titulada “A cidade do átomo”, presentada baixo o lema ou pseudónimo de “A Máscara”. Unha vez aberta a plica, resultou ser a súa autora Iria Misa Peralba.

Respecto á obra gañadora, “A cidade do átomo”, o xurado destaca a orixinalidade do tratamento do tema, a paisaxe abandonada da cidade ucraína de Prípiat, tras o accidente o 27 de abril de 1986 da central nuclear de Chernóbil. Destaca ademais a nivel estilístico a alta calidade da lingua empregada, así como a amenidade dun relato no que se mesturan textualidades diversas. “A cidade do átomo”, dirixido a un público infantil, pode interesar sen dúbida ao lector ou lectora de calquera idade, amolando que é posible coñecer outras realidades dende a nosa lingua e ampliando así o horizonte temático da nosa lix.

Iria Misa Peralba, nacida en Gondomar en 1983 aínda que na actualidade veciña de Baiona, é licenciada en Filoloxía Inglesa pola Universidade de Vigo e profesora de ensino secundario. Como narradora publicou na colección Fóra de Xogo as novelas “Xa non estou aquí” (Xerais, 2016), Premio Jules de Verne de Literatura Xuvenil 2016, “Segredos no Solpor” (Xerais, 2018) e “Mamá, quero ser Ziggy Stardust” (Xerais, Sopa de Libros 2018).