Sin categoría

O Sergas anuncia a apertura do prazo para a elección de hospital na Área Sanitaria de Vigo

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, unha Resolución do 19 de outubro de 2020 pola que se procede á apertura dun período de elección de provisor de asistencia sanitaria especializada na Área Sanitaria de Vigo. Así, o Servizo Galego de Saúde garante que os pacientes poidan elixir libremente o seu centro hospitalario de referencia, optando entre o Hospital Povisa ou o Complexo Hospitalario Universitario de Vigo. Deste xeito, faise efectivo o dereito á libre elección do paciente.

Poderán solicitar a inclusión no Chuvi ou seren asignados a POVISA a poboación beneficiaria da Seguridade Social asignada aos centros de saúde dos concellos de Cangas do Morrazo, Moaña, Baiona, Nigrán, Gondomar así como dos seguintes centros de saúde do concello de Vigo: Coia, Coruxo, Navia, López Mora, Pintor Colmeiro, Nicolás Peña, Rosalía de Castro-Beiramar.

Trinta días de prazo

O prazo inicial para elixir o centro hospitalario será o comprendido nos trinta días naturais a partir do seguinte na súa publicación no DOG. No que atinxe á documentación necesaria, deberá achegarse o documento identificativo do solicitante –DNI, tarxeta de identidade de estranxeiro ou pasaporte- e o modelo de solicitude incluído na Resolución publicada hoxe polo Sergas.

Se a petición a presenta un titor legal ou outra persoa autorizada haberá que levar tamén unha fotocopia do documento identificativo do solicitante e un documento que acredite a devandita titoría legal ou, no seu caso, o orixinal da autorización específica. Tamén será posible tramitar a opción de cambio a través de internet, nas condicións que se explicitan na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Non será posible tramitar a opción de cambios nos seguintes supostos: mentres a persoa estea hospitalizada nun ou noutro hospital ou cando teña iniciado un tratamento de quimioterapia ou radioterapia; ou ben cando as solicitudes recibidas superen o límite máximo de persoas usuarias que POVISA pode ter asignadas segundo o concerto, establecido en 139.000.

A solicitude poderá presentarse no centro de saúde que lle corresponda á persoa interesada ou nos servizos de admisión de calquera dos centros hospitalarios do Chuvi ou POVISA. As solicitudes rexeitadas comunicaranse sempre por escrito e facendo constar o motivo de rexeitamento. O cambio de hospital será efectivo no momento en que o usuario presente a súa solicitude e sexa adscrito polo Sergas.

A petición levará implícita a súa permanencia ata, como mínimo, a apertura do seguinte período anual no que de novo poderá exercer o seu dereito de libre elección.