O TSXG ratifica a limitación das reunións a cinco persoas imposta pola Xunta como consecuencia da COVID-19

A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ratificou nun auto notificado hoxe a limitación das reunións a cinco persoas imposta pola Xunta en toda a comunidade autónoma como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19. O TSXG avala, desta forma, as medidas contidas no punto segundo da orde do 21 de outubro de 2020. O tribunal considera que son “idóneas para a prevención e protección da saúde da poboación; necesarias, dada a constatación dunha situación de perigo actual e real para a saúde dos cidadáns; e proporcionadas, ponderando os diferentes intereses en conflito”.

A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do TSXG tamén ratificou as medidas contidas no punto primeiro da orde do 21 de outubro de 2020 que afectan á comarca de Santiago.