Moreira adxudícase a camisola por puntos na Volta Tajo Internacional

O Vigo-Rías Baixas despediu a tempada 2020 desde o podio. Mauricio Moreira vestiuse de azul este domingo na localidade cacereña de Mata de Alcántara como vencedor da clasificación por puntos da I Volta Tajo Internacional. O xefe de filas da estrutura presidida por José Luis Chamorro acariñou o dobrete na challenge estremeña ao finalizar segundo na xeral, a só 2 segundos do gañador.

O curso concluíu para o corredor charrúa da mesma maneira que empezou antes do parón pola covid-19. A principios de febreiro na Volta ao Guadalentín, a súa primeira competición co conxunto flúor, tamén acabou segundo na xeral e encabezou a táboa da regularidade na rolda murciana.

Nesta ocasión, a Moreira resistíuselle a camisola amarela nunha segunda e última xornada da Volta Tajo marcada polo frío e a choiva. Tras lograr o sábado a segunda praza na etapa inaugural, os compañeiros de equipo do uruguaio asumiron o mando do pelotón na práctica totalidade dos 144 quilómetros con inicio e chegada en Mata de Alcántara. Debido a ese traballo para controlar as escapadas, Asier González e Guillermo Mallo puntuaron en cuarta e quinta posición, respectivamente, no alto Puente Romano (1ª categoría), cuxa cima estaba situada no arranque do percorrido (km 11).

O ritmo dos ciclistas flúor e un trazado no que se subían outros tres portos puntuables, todos eles de 2ª, seleccionaron moito o grupo principal e entre os corredores que perderon contacto antes do tramo final da xornada estivo o líder Fran García Rus (Cortizo), que avantaxaba en 2 segundos a Moreira.

Mentres cinco fuxidos que non tiñan opcións de pelexar pola xeral presentáronse nos últimos 6 km, que picaban constantemente para arriba, con tempo suficiente para xogarse a vitoria parcial, por detrás viviuse a loita pola camisola amarela. O reducido pelotón rompeu por completo e Marcos Jurado (Froiz) conseguiu rabuñar 7’’ a Moreira. Esa diferenza bastoulle para superar por 2’’ na xeral ao charrúa, que cruzou a liña de meta en sexta posición, a 1:05 do gañador da xornada Mario Aparicio (Gomur). O Vigo-Rías Baixas tamén contou no “top-15” da challenge con Noel Martín, décimo quinto na última clasificación do ano.