Os favoritos non defraudan na segunda xornada da Liga de Outono de J80 marcada polo vento

O Okofen de Javier de la Gándara, o Alboroto de Juan Carlos Ameneiro e o Cansino de Fernando Yáñez consolidan os tres primeiros postos da Liga de Outono de J80 do Monte Real Club de Yates, que este sábado chegou ao seu ecuador coa disputa da segunda das catro xornadas programadas entre outubro e novembro.

Os 17 monotipos participantes só puideron disputarse esta tarde unha das tres probas previstas no programa, xa que a meteoroloxía cumpriu as previsións e deixou un sábado duro no mar, cun vento do sur por encima sempre dos 20 nós con refachos que superaban os 30.

Tras ver que as condicións se complicaban por momentos, impedindo que a frota navegase con seguridade, o comité de regata, con Jano Martín á fronte, decidiu enviar á frota a terra unha vez concluída a primeira proba, na que os favoritos non defraudaron.

O Okofen de Javier de la Gándara foi o primeiro en cruzar a liña de chegada, asinando o seu cuarto primeiro no que vai de competición. Seguiulle de preto o Alboroto de Juan Carlos Ameneiro, que chegou segundo e mantense en segunda posición do podio provisional. O Spaco de Santiago Estevez clasificouse terceiro na xornada de hoxe, pero non logrou superar na xeral ao Cansino de Fernando Yáñez que, a pesar de asinar un sétimo posto, segue co bronce colgado ao pescozo.

Por detrás do Spaco -cuarto-, sitúanse o Ferralemes, de Rosario García, en quinta posición; o Luna Nueva de Juan Luis Tuero, en sexta; e o Miudo de Nacho Salgueiro, que vai sétimo. O SND Cormorán de Francisco J Martínez subiu hoxe á oitava posición da xeral.

A única proba disputada pola frota de monotipos este sábado foi un percorrido barlovento sotavento cunha distancia menor do habitual, xa que se acurtou ata unha milla a causa do vento, que soprou do sur con 20 nós sostidos e refachos de ata 30. Estas condicións duras coas que empezou a regata fóronse complicando aínda máis co paso dos minutos e finalmente obrigaron ao comité de regata a deixar a xornada cunha única proba.

A Liga de Outono da clase J80, na que compiten 17 embarcacións, continuará o vindeiro sábado 7 de novembro coa terceira e penúltima xornada de probas.