A Garda Civil detén aos presuntos autores de varios roubos no Punto Limpo de Nigrán

A Garda Civil detivo a dous mozos da Guarda e O Rosal como presuntos autores de preto de media ducia de roubos cometidos durante o mes pasado no Punto Limpo do municipio de Nigrán.

As investigacións levadas a cabo por efectivos do Posto Principal da Garda Civil de Baiona-Nigrán iniciáronse por mor das denuncias presentadas polo responsable desta instalación, propiedade do concello de Nigrán, destinada á recollida selectiva de residuos urbanos.

En total presentáronse cinco denuncias nas que os presuntos autores accedían ao interior das instalacións despois de cortar a reixa perimetral do recinto. Unha vez no interior forzaban os cadeados das distintas dependencias onde se depositaban os residuos clasificados para levar chatarra, electrodomésticos, ferramentas e pezas metálicas, fundamentalmente.

As pescudas concluíron coa identificación e localización dos presuntos autores, dous mozos de 19 e 24 anos, veciños do Rosal e A Guarda, respectivamente, que foron detidos como presuntos autores dos cinco roubos que se cometeron no Punto Limpo durante o pasado mes de setembro.

No marco da mesma investigación, a Garda Civil puido pescudar que estes mozos tamén efectuaran durante as últimas datas varias vendas de ferramentas, maquinaria e utensilios de uso doméstico, cuxa procedencia se descoñece ata o momento, nun establecemento de compra venda de obxectos de segunda man.

Unha vez que prestaron declaración en dependencias da Garda Civil, os detidos foron postos en liberdade e deberán comparecer, cando sexan citados, no Xulgado de Instrución SEIS de Vigo, onde se entregaron as dilixencias instruídas.