Nigrán sube a alerta vermella, Gondomar a laranxa e Baiona a amarela no mapa Covid da Xunta

Segundo os datos publicados este luns pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Nigrán pasa a nivel de alerta 3, o que significa segundo o semáforo de cores que utiliza a Xunta que nos últimos 7 días foron confirmados por PCR máis de 21 casos. Gondomar, que permanecía en nivel de alerta 1 desde o xoves, sube a nivel de alerta 2, polo que terían sido confirmados por PCR entre 14 e 21 casos nos últimos 7 días. Baiona, o único municipio do Val Miñor que aínda estaba en nivel de alerta 0, pasa a nivel de alerta 1, con entre 7 e 14 casos confirmados por PCR nos últimos 7 días.

Na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 5.101, deles 852 son da área da Coruña, 483 da de Lugo, 1.516 da de Ourense, 475 da de Pontevedra, 791 da área de Vigo, 762 da de Santiago, e 222 da de Ferrol. Do total de pacientes positivos, 46 están en UCI, 266 en unidades de hospitalización e 4.789 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 23.578 persoas curadas, rexistrándose 822 falecementos. O número de PCR realizadas é de 592.162.