30 voluntarios retiran 50 quilos de plástico das calas de Lourido

O Concello de Nigrán participou este domingo por cuarto ano consecutivo na décima xornada de limpeza simultánea de praias en toda Galicia capitaneada pola asociación ecoloxista Adega. Así, unha trintena de persoas (divididas en grupos de 10, ou de convivintes, por protocolo sanitario) retiraron preto de 50 quilos de lixo das calas que rodean Lourido, fundamentalmente pequenos anacos de plástico. Maioritariamente recolléronse cachos de botellas de auga, de aparellos de pesca, latas… Aínda que maioría eran plásticos tan pequenos e deteriorados que non se recoñecía a súa orixe. Esta foi a primeira ocasión na que se interveu nestas calas accesibles con marea baixa e nas que, precisamente, a limpeza mecánica é imposible.

As limpezas de praias son actos simbólicos, nos que non se debe ver ao voluntariado como man de obra barata para deixar limpos os areais. Son actividades de concienciación e educación ambiental que permiten que a cidadanía coñeza a problemática dos residuos mariños, a súa procedencia e os impactos que causan, así como avaliar cales son as medidas que cada un de nós pode desenvolver para minimizar este problema. Tapóns, bolsas, anacos de redes ou de cordas de nailon, son exemplos de restos de orixe plástico que alén do seu impacto visual supoñen un perigo para a fauna e a flora mariña e mesmo representarían, pola súa transferencia trófica, un risco para os seres humanos.

O Concello de Nigrán, como xa ven facendo co “Proxecto Ríos” de Adega, quere concienciar tamén sobre a importancia dos valores da nosa costa, a problemática da contaminación mariña e das algas invasoras ou a alteración do ecosistema, así como promover as medidas que cada cidadán pode levar a cabo para minimizar estes impactos.