O San Froilán sáldase cun novo podio para Alberto Meira

A cita lucense, segunda do Campionato Galego de Rallyes, ía ser novamente unha loita sen cuartel polo triunfo. Nesta loita, Alberto Meira e José Murado estiveron desde os primeiros compases, cedendo moi pouco terreo coa cabeza de carreira. Aínda a pesar de sufrir unha buxaina no terceiro tramo da xornada, terminaban o primeiro bucle en terceira posición.

Con ansia de recuperar o tempo perdido nese lance, o equipo continuou arriscando, marcando tempos moi constantes ao longo dunha rifada segunda sección na que lograban conservar a terceira praza da xeral e exercer presión sobre o segundo clasificado.

O treito final da proba, coas terceiras pasadas a cada un dos tramos, ía desencadear un novo ataque de Meira, que lograba dous scratchs de tres posibles, recortando nada menos que 12 segundos pero quedándose ás portas dunha segunda posición que de conseguila situoulle na praza homónima da clasificación xeral do Campionato Galego de Rallyes.

“Estamos moi contentos con este podio, unha mágoa a buxaina que nos impediu estar máis preto da loita pola vitoria, o certo é que a xente correu moito e tivemos que apertar moito ao final, non só para atacar a segunda posición senón tamén para defendernos dos que viñan por detrás. Unha sensación un pouco agridoce de quedarnos a só dous segundos de subir un banzo, pero hai que seguir empuxando en próximas carreiras”, comentaba Alberto Meira á súa chegada ao parque final.