Nigrán instala paneis informativos nos roteiros por Chandebrito, Os Matos e Monteferro

O Concello de Nigrán renovou este verán toda a sinalización da rede de sendeiros municipal e, recentemente, instalou paneis informativos adicionais nos tres únicos que carecían deles: Chandebrito, Os Matos (Camos-Chandebrito) e Monteferro, estes só tiñan sinalización de percorrido mediante postes. O traballo correu a cargo da cooperativa “Árbore Arqueoloxía e Restauración” (a mesma que se encargou da escavación do Castro de Chandebrito). Estes novos recursos inclúen información cos puntos de interese respectivos, mapa xeorreferenciado, explicación do significado das sinais nos postes e un código QR que enlaza con cadansúa ruta en Wikiloc (a aplicación de sendeirismo máis popular grazas á cartografía GPS).

“Xa no verán optamos por promover a nosa rede de sendeiros e por multiplicar os roteiros guiados porque sabemos que temos un potencial inmenso que, nestas circunstancias sanitarias, é ideal para desenvolver con todas as garantías”, xustifica o alcalde, Juan González, quen incide na importancia de sumar as novas tecnoloxías ao contar co perfil do “Concello de Nigrán” en wikiloc con todas as rutas actualizadas.

A rede de sendeiros municipal está integrada por un total de 8 roteiros que suman 51,5 km e percorren as 7 parroquias do municipio ofrecendo ao seu paso miradoiros, natureza, patrimonio… Son o sendeiro litoral que se inicia na Ramallosa e remata en Monteferro; o sendeiro circular das Medoñas (único con dificultade alta) que discorre por Priegue; o sendeiro do Camiño Portugués pola Costa desde A Ramallosa a Saiáns; o sendeiro circular de Camos desde a Capela de San Roque; o sendeiro circular do Castro por Chandebrito; o sendeiro circular dos Matos entre Camos e Chandebrito; o sendeiro circular dos Mouros por Parada e o sendeiro circular polo río Muíños na contorna de Praia América e Porto do Molle.