O sábado día 17 de outubro ás 12:00 horas, o IEM lembrará cun acto no cemiterio de Baiona aos represaliados en 1936 en Sabarís e na Volta dos Nove. Un ano máis o IEM lembrará aos nove veciños de Panxón e Baiona que foron asasinados o 15 de outubro de 1936 na estrada de Baiona a altura da Bombardeira, no lugar que dende aquela pasou a chamarse Volta dos Nove. Tamén lembrará aos irmáns Lopez Luís, os Inesés de Sabarís e a Perfeuta, asasinados e enterrados no cemiterio civil de Sabarís.
O ano pasado o IEM dedicou todo o mes de outubro ás mulleres represaliadas e á memoria de todas as familiares que sufriron as consecuencias dunha represión que as deixou sen homes, pais ou irmáns, e que sempre foron esquecidas nas páxinas que se escriben dunha historia mal contada e falsificada a man tenta para xustificar o inxustificable. Este ano, por imperativo legal, non se poden facer xuntanzas nin reunións de máis de dez persoas, o que leva ao IEM a organizar unha ofrenda floral nos dous cemiterios de Sabarís e Baiona, e á lectura por parte de dous familiares dun pequeno discurso.
A obriga de non xuntarse máis de dez persoas e a necesidade de ser cautelosos nas agrupacións de xente de diversa procedencia e lugares, obriga a contar exclusivamente con estes dous familiares e a xente do IEM, que vai gravar o acto para que poida ser logo reproducido na páxina do IEM iem.gal e nas redes para que poida ser visionado e escoitado por quen queira.
Agradecen o apoio de todas as persoas que sempre colaboran co IEM lembrando estes feitos e a memoria das persoas e familias afectadas. Suxiren que ao longo do día poidan ir pasando polos cemiterios e pola Volta dos Nove e fagan as súas ofrendas florais, e que espallen nas redes o video do acto que colgarán na súa páxina.
“Neste tempos difíciles temos que ir acostumándonos a novos xeitos de participar e celebrar actos que a pandemia non nos deixa facer como desexaríamos. Non esquecer e lembrar para dignificar e honrar ás vítimas da represión sempre será unha tarefa que o IEM, dun xeito ou doutro, terá entre as súas actividades. Grazas a todas e todos pola vosa colaboración e comprensión”, conclúen.

