13 establecementos de Gondomar participarán no I Concurso de Tostas de Outono

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, e a edil de Comercio, Rocío Goberna, presentaron esta mañá a I edición do Concurso de Tostas de Outono, na que participarán un total de 13 establecementos do municipio con elaboracións nas que priman os produtos típicos da época.

O rexedor agradeceu o amplo respaldo desta nova iniciativa posta en marcha polo departamento de Comercio buscando “unha vez máis a promoción e dinamización do sector hostaleiro e de restauración, así como a revalorización da oferta gastronómica de Gondomar que moita e saborosa”.

Durante a presentación puidéronse coñecer xa as tostas que concursarán e que se poderán degustar por un prezo de 3 euros entre os días 17 de outubro e 29 de novembro. Serán os clientes quen co seu voto convértanse en xurado “popular” que determine as tres gañadoras, depositando a súa valoración en urnas habilitadas para a ocasión nos locais.

Unha tarefa nada fácil comprobando as elaboracións presentadas nas que ademais do sabor haberá que puntuar a súa presentación. Os produtos elixidos son variados cunha característica común: propios da época do ano na que estamos, converténdose así, as castañas, cogomelos, noces ou figos nalgúns dos elementos presentes nelas.

Así se poderá comprobar como ligan o puré de castañas, co lacón e o pemento; a crema de castañas con chocolate quente; os cogomelos salteados con chalota e allo, enriquecido con crema de leite e xamón de crocante; ou, unha tosta de viño de Mencía, figos, queixo parmesano e foie de pato, entre outras moitas (achegamos relación de tostas que concursan).

Os tres primeiros clasificados contarán cun diploma acreditativo e ou máis votado recibirá unha Chaquetilla de Chef oficial serigrafiada co lema “I Concurso de tostas de Outono de Gondomar” e encabezará o cartel de promoción da seguinte edición.

Tamén recompensarase a participación cidadá e entre as papeletas depositadas polos consumidores sortearanse tres vales en metálico, por valor de 200, 100 e 50 euros, respectivamente, en concepto de cea, comida e almorzo a consumir nos tres establecementos que accedan ás mellores puntuacións.

TAPERÍA RURAL ARDORA: TOSTÓN DE OUTONO Tosta con ovo de pita da aldea, cogomelos e castañas de Burón
TRANVÍA TU PAN, TU CAFÉ: GALICIA Tosta sen glute con crema de castañas e chocolate quente
XAMONERÍA CATRO CAMIÑOS: BOCADO DO MONTE Tosta de setas salteadas con chalota e allo, aromatizado con tomillo, enriquecido con crema de leite e xamón crocante
AS NOVAS TORRES: CAPRICHO DO OUTONO Tosta con base de castañas, lacón e pemento
CAFÉ-BAR ALAMEDA: TOSTA DE LACÓN CON COGUMELOS Tosta de pan rústico, lacón, cogumelos e cebola caramelizada
TAPERÍA ADECHAPE: MAR E TERRA Tosta pan con centeo, ventresca, piquillo, parmesano, noces e balsámico de módena
PAZO DA ESCOLA: FANTASÍA DE OUTONO SOBRE PAN BRIOCHE Tosta de pan brioche especiado e artesán, hortalizas variadas, figos confeitados, castañas e porco ibérico
CHUPIPOSTRES: MIÑA RULIÑA Tosta francesa en forma de folla con trufa, figos e castaña con agarimo de purpurina comestible…
A GALIÑA: GALIQUEIXO Tosta de pan de centeo, queixo Brie e salsa de arándanos
LA VITROLA: O SOÑO DE OBÉLIX Tosta de lombo de xabaríl, crema de castañas, boletus e
BAR VALENTE: TOSTA MAYNES Tosta de pan artesán, ovo, xamón serrano, champiñóns, tomate e queixo
TERRA: TOSTA DE MENCÍA E FIGOS Tosta de viño de mencía,figos,queso parmesano e foie de pato
HAMBURGUESERÍA PLAZA: REIKPLAZA Tosta de pan de centeo, chourizo ás finas herbas, queso fresco e noces