Nigrán abre o prazo para participar na limpeza simultánea de praias

O Concello de Nigrán súmase por cuarto ano consecutivo este domingo 18 de outubro á xornada de limpeza simultánea de praias capitaneada pola asociación ecoloxista Adega en toda Galicia, desenvolvéndose nesta ocasión por vez primeira na zona de calas de Lourido. A xornada arrancará ás 11:30 horas. Todas as persoas que desexen participar como voluntarias deben inscribirse antes do 16 de outubro no mail oficinaturismo@nigran.org ou no teléfono 986 368734 aportando nome e teléfono de contacto. A duración estimada é de dúas horas e o punto de encontro será o campo de fútbol de Lourido-Praia América.

As limpezas de praias son actos simbólicos, nos que non se debe ver ao voluntariado como man de obra barata para deixar limpos os areais. Son actividades de concienciación e educación ambiental que permiten que a cidadanía coñeza a problemática dos residuos mariños, a súa procedencia e os impactos que causan, así como avaliar cales son as medidas que cada un de nós pode desenvolver para minimizar este problema. Tapóns, bolsas, anacos de redes ou de cordas de nailon, son exemplos de restos de orixe plástico que alén do seu impacto visual supoñen un perigo para a fauna e a flora mariña e mesmo representarían, pola súa transferencia trófica, un risco para os seres humanos.

O Concello de Nigrán, como xa vén facendo co “Proxecto Ríos” de Adega, quere concienciar tamén sobre a importancia dos valores da nosa costa, a problemática da contaminación mariña e das algas invasoras ou a alteración do ecosistema, así como promover as medidas que cada cidadán pode levar a cabo para minimizar estes impactos.