Nigrán ofrece este sábado a obra de Axóuxere “A túa tenrura, Molotov”

O Concello de Nigrán continúa coa celebración un ano máis do “Mes do Teatro” coa representación este sábado 10 no Auditorio Municipal ás 20:00 horas de “A túa tenrura, Molotov”, da compañía Axóuxere. Nanda Tasende e Alejandro Albaiceta forman o elenco desta obra de Gustavo Ott, que dirixe Alejandro Albaiceta. Esta comedia está protagonizada por unha parella nova. Triunfadores. El, avogado. Ela, presentadora do telexornal. Queren ter fillos. De feito, o están intentando cando de súpeto reciben unha caixa enviada polo FBI con data de… hai doce anos!! O que a caixa contén, cambiará as súas vidas para sempre… ou non.

A programación teatral a pecha o día 24 a compañía de Nigrán Teatro do Ar coa súa obra “Lume!”. Unha historia na que a maxia e a realidade entrecrúzanse nunha atmosfera de violencia e amor entre os comuneiros da ficticia vila mariñeira de Neira (podería ser Nigrán, Baiona…) nos anos 20. “Lume” é unha obra orixinal do director nigranés de Teatro do Ar, Pedro Rodríguez Villar, que mestura o teatro coa música. Así, como naqueles espectáculos de cinema mudo a música en directo terá unha gran presenza en momentos da representación (a banda sonora é da compositora de Vilariño Lucía Doval).

Finalmente, o mes remata o 31 co concerto de “Xardín Desordenado” en homenaxe a Ricardo Carvalho Calero, escritor ao que se dedica este ano as Letras Galegas (adiouse a data oficial do 17 de Maio ao 31 de Outubro) e do que o grupo musicou os seus poemas para a ocasión.