O servizo de Pneumoloxía do Chuvi é referencia en España en ecografía torácica

O servizo de Pneumoloxía do Chuvi foi o elixido a nivel nacional para ofrecer unha sesión clínica sobre a ecografía torácica ao resto dos pneumólogos de España. Así, a especialista Cristina Ramos explicou hoxe -a través dunha videoconferencia na que se conectaron 135 hospitais- as novas técnicas de ecografía pulmonar e a súa implantación na práctica clínica.

“O noso hospital xa ten unha experiencia acreditada na utilización da ecografía para o diagnóstico de enfermidades pulmonares e, sobre todo, no estudo dos pacientes con Covid-19, nos que temos constatado que a ecografía é a mellor ferramenta diagnóstica para predicir a evolución dos pacientes graves”-explica a doutora Ramos.

Técnica predictiva da evolución dos pacientes graves

Un equipo multidiciplinar composto por especialistas en Pneumoloxía, Medicina Interna e Radioloxía, vén de realizar un estudo, no que participaron 58 pacientes ingresados con Covid-19, para valorar a eficacia desta proba.

“Esta investigación revelou que a ecografía pulmonar é o marcador máis relevante na predición da evolución destes pacientes, por encima doutras probas analíticas ou de imaxe. Nos permite prognosticar cun 90% de fiabilidade aqueles casos de mala evolución; é dicir, identificar aos pacientes que van requirir coidados críticos ou terapias de ventilación asistida”.

Ata hai uns anos a ecografía non se utilizaba como técnica diagnóstica de enfermidades pulmonares xa que os ultrasóns non se transmiten a través do aire, e os pulmóns están cheos de aire. Sen embargo, aínda que os ultrasóns non poden transmitir imaxes, si transmiten “artefactos”; isto é, determinados signos que indican lesións ou sospeitas de enfermidade, e que axudan a realizar diagnósticos de diferentes patoloxías.

“Neste momento a pandemia do Covid-19 supuxo unha auténtica revolución para a ecografía”.

Coordinación dun estudo nacional

Neste senso, nos últimos anos o servizo de Pneumoloxía do Chuvi acadou un alto nivel de desenvolvemento desta técnica e nestes momentos é un dos servizos de España con maior experiencia na mesma e con estudos xa publicados en revistas científicas.

De feito, a doutora Ramos vai coordinar un estudo nacional multicéntrico da Sociedad Española de Neumología y Cirugía Torácica (SEPAR), no que participan 12 hospitais, para valorar a eficacia na predición do diagnóstico das secuelas pulmonares nos pacientes que xa foron dados de alta hospitalaria. “Sería unha segunda fase; na primeira, demostramos o seu valor nos pacientes ingresados; agora, nun proxecto máis ambicioso, investigaremos a súa eficacia para prever as secuelas dos pacientes xa dados de alta e en seguimento, e revelará se poderá substituír ao escáner neste seguimento”, asegura Cristina Ramos.

300 ecografías

No momento actual, a ecografía realízase a todos os pacientes ingresados no Álvaro Cunqueiro con Covid-19.

Trátase dunha técnica sinxela e accesible, que se realiza a pé de cama do paciente, polo que se evitan os riscos inherentes aos traslados e mobilización dos pacientes, así como o risco de contaminar outras áreas. Ademais, é unha proba dinámica e libre de radiacións ionizantes.

Na Unidade Postcovid tamén realízanse ecografías de seguimento aos pacientes dados de alta. En total, os pneumólogos vigueses levan realizadas 300 ecografías pulmonares a estes pacientes.

Pneumoloxía conta con 4 equipos de ecógrafos. Ademais da súa utilización en pacientes Covid-19 se utiliza tamén para o diagnostico doutras patoloxías como pneumonías, enfermidades intersticiais, embolias pulmonares, derrames pleurais, etcétera.