Sin categoría

Baiona presenta “Ritmos da Hispanidade”, con concertos dedicados a Cuba, Brasil e Arxentina

O salón de plenos do Concello de Baiona acolleu este martes a presentación de “Ritmos da Hispanidade”, unha programación deseñada con motivo da celebración do Día da Hispanidade. A Concellería de Cultura deu un paso máis na celebración desta efeméride e programou unha fin de semana chea de concertos dedicados a tres países iberoamericanos, Cuba, Brasil e Arxentina, que xogaron un papel fundamental na inmigración galega, enseñanado e divulgando toda a riqueza cultural destes países de acollida.

Os veciños e veciñas, así como aqueles que se acheguen a Baiona a gozar da ponte do Día da Hispanidade, poderán gozar de tres días de actividades. Así o sábado ás 19:00 horas, a sesión irá dedicada a Cuba baixo o título “Cuba en mí. La Trova”. O grupo Sueño de Calíope será o encargado de poñer ritmo á tarde cun repertorio homenaxe a destacados compositores de canción tradicional e novísima canción cubana, desde Manuel Corona e Sindo Garay ata José Antonio Quesada e Silvio Rodríguez.

O domingo será o día dedicado a Brasil. Ritmos de bossa nova, samba e tropicalismo poderanse gozar ás 19:00 horas da man do concerto de Chá, Cerveja e Violao.

O propio 12 de outubro celebrarase ás 18:00 horas o acto protocolario na Praza do Concello para despois gozar do concerto “Raíces Argentinas”, facendo un percorrido musical pola terra da Prata que abarca desde o tango, a milonga ata a canción popular.

Durante a presentación, na que participaron o Alcalde, Carlos Gómez Prado, e a concelleira de Cultura, Miriam Mar Costas Iriarte, o rexedor baionés explicou “que esta programación está diseñeda para achegar a celebración da Hispanidade a toda a cidadanía”.

En concreto, detallou os cambios significativos no acto protocolario do día 12. “Queremos dar un xiro de 360 graos aos eventos que organiza o Concello polo que os deseñamos para o goce de todos os veciños e veciñas da vila. Para que todo o pobo participe deles. Por iso o día 12 organizamos un acto aberto no que toda a cuidadanía poida gozar. O obxectivo é gozar da Hispanidade todos xuntos. O Concello de Baiona leva celebrando o acto 19 anos e había que darlle unha volta para que todo o pobo puidese participar deste evento, sempre respectando o protocolo. A celebración do Día da Hispanidade deixará de ser un acto encorsetado no que participan uns poucos para pasar a ser un acto para todos e todas”.

O acto de celebración do Día da Hispanidade está subvencionado pola Deputación Provincial de Pontevedra. Este día leva celebrándose na Vila desde hai 19 anos, en colaboración coa institución provincial, debido á relación que Baiona ten con América e coa comunidade colombina, ademais do feito histórico de que Baiona foi o primeiro porto de Europa en ser coñecedor do Descubrimento de América cando chegou ao seu porto a Carabela Pinta ao mando de Martín Alonso Pinzón.

Todo iso terá lugar no escenario da Praza do Concello, instalado baixo a carpa que se colocou para que o público poida gozar de maneira segura, xa que se controlará o aforo e cumprirase con todas as medidas de seguridade.