Baiona conta cun dos puntos hixiénicos da campaña “Loita Segura”

A Federación Galega de Loita e D.A. (FGLeDA) pon en marcha unha campaña de sensibilización sobre a seguridade na práctica deportiva das disciplinas dependentes desta Federación. Coas medidas propostas no protocolo FISICOVID DXT-GALEGO da Federación Galega de Loita e D.A. unido á sensibilidade mostrada polos Clubs Deportivos e os propios protocolos das instalacións onde levan a cabo as actividades deportivas, farán o deporte máis seguro que vísemos ata hoxe.

A FGLeDA está modelando a competición SEN CONTACTO, coa entrega de bonecos específicos de Loitas Olímpicas, para os Clubs adheridos ao protocolo FISICOVID. Deste xeito, dan as ferramentas para unha PRÁCTICA SEGURA.

Jose Luis Olazabal, presidente de FGLeDA, indica que “o principal investimento que estamos a levar a cabo nos Clubs é dotalos das ferramentas necesarias para xerar confianza: Protocolo de actuación aprobado pola Secretaría Xeral para o Deporte, un Punto Hixiénico coas normas básicas anticovid e bonecos/material de traballo para os máis novos: para que poidan traballar SEN contacto (aínda que se permita o contacto con máscara). Queremos facer das Loitas Olímpicas o deporte máis seguro para todos os practicantes e animar á sociedade a que se una ao DEPORTE FEDERADO, DEPORTE SEGURO”.

Un dos puntos hixiénicos repartidos no día de hoxe foi entregado no Pavillón Municipal de Baiona ao Club de Loita Sabarís. Foi recollido polo técnico responsable da entidade, Juan Manuel López Pérez, para que poida empregalo nas numerosas escolas que mobiliza no Val Miñor. Desde a FGLeDA agradecen o apoio e a presenza durante a entrega e as facilidades mostradas polo Técnico de Deportes Municipal, Javier López, e a atención da concelleira de Cultura e Deportes, Miriam Mar Costas Iriarte.

Desde a FGLeDA continúan traballando para adaptar a competición a un novo formato SEN CONTACTO e XERAR CONFIANZA na contorna das súas disciplinas, para facilitar o difícil arranque da nova tempada.