Baiona presenta a súa programación cultural para o outono

Despois do Baiverán chega un novo programa cultural denominado BaiOutono. Esta nova iniciativa foi presentada polo Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, e pola concelleira de Cultura, Miriam Mar Costas Iriarte, esta mañá no Museo da Navegación.

BaiOutono, a nova proposta do Concello de Baiona para gozar da cultura

Este completo programa, organizado pola Concellería de Cultura de Baiona, combinará cinema, teatro e música. Ademais, en outubro, haberá unha programación dedicada en exclusiva á memoria histórica con cinema, documentais, coloquios e exposicións. Ese mesmo mes celebraranse, a maiores, fins de semana temáticas: Ritmos da Hispanidade, Sons do Casco (aprazado pola pandemia), Circuíto Teatro Amador,…

Ademais do BaiOutono poñeranse en marcha outros programas temáticos como o “Outubro Diverso” ou “Novembro Lila”, todo iso baixo a nova imaxe “Baiona te engancha” do Concello de Baiona. Un novo concepto que ten como obxectivo a desestacionalización do turismo. Unha nova liña que vai en consonancia coas pautas que marcan a implantación da nova normalidade pero que ao mesmo tempo tampouco deixan de lado aos chegados desde diferentes puntos do territorio nacional. Pero fundamentalmente unha programación para o goce dos veciños e veciñas da Vila.

“Con esta programación pretendemos dinamizar a actividade da Vila. Trátase dunha oferta diversa e unha aposta polo local. Volver máis polos veciños e veciñas xa que entre os nosos habitantes hai moito talento. A nosa intención é ofrecer unha programación cultural durante os 12 meses do ano para o goce da nosa cuidadanía”, destacou o Alcalde, Carlos Gómez Prado.

Para todo iso montouse un escenario na Praza do Concello, para poder gozar das numerosas actuacións, ademais dunha carpa para o público onde se controlará o aforo e cumprirase con todas as medidas de seguridade.

A Concelleira de Cultura, Miriam Mar Costas Iriarte, destacou a gran acollida que tivo a carpa a pasada fin de semana durante as actuacións. “Priorizaremos sempre a seguridade pero a vida debe continuar. Baiona necesita traer xente aos comercios, á hostalería. Por iso fixemos esta programación estable durante o outono”.