A partir de mañá poderán solicitarse de novo os permisos para realizar queimas

Dende mañá xoves poderán solicitarse de novo, por parte das persoas interesadas, as autorizacións para queimas en terreos forestais, así como efectuar as comunicacións para as rexistradas en parcelas agrícolas. A Consellería do Medio Rural levanta así a suspensión de realizar queimas nos terreos rústicos que permanecía vixente dende o pasado día 1 de xullo, data de inicio da época de alto risco de lumes, unha tempada que remata hoxe.

Para realizar a tramitación, a partires de mañá, existen dúas vías. Ou ben chamar ao teléfono 012 ou ben empregar a vía telemática dende o enderezo web https://queimasweb.xunta.gal.

Así, os cidadáns que desexen queimar restos agrícolas amoreados nas zonas que determina a Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, nos períodos habilitados, deberán comunicalo dous días antes. No caso de queimas de restos forestais amoreados, deberase solicitar unha autorización debido ao risco da actuación, sendo maior o proceso de tramitación. En todo caso, cómpre lembrar que as autorizacións e comunicacións deixan de ter validez nos días que hai vento e altas temperaturas.

Máis información sobre a realización de queimas, no seguinte enderezo da web da Consellería do Medio Rural: https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/defensa-monte/permisos-queimas.