Sin categoría

O PP de Gondomar acusa a Paco Ferreira de mentir e usar datos falsos sobre o urbanismo

O Partido Popular de Gondomar acusa ao alcalde de Gondomar de mentir descaradamente coa noticia que publicou a pasada semana de salvar a 200 vivendas afectadas por ordes de derrube en Gondomar. Queren sinalar que dende que se anulou o antigo Plan Xeral, non se abriron máis de 40 expedientes con orde de derrube, e non todos foron vivendas, xa que tamén están incluídas naves industriais e outras construcións.

Coa aprobación dos núcleos que se fixeron ata o de agora, os cales tiveron sempre o voto favorable do Partido Popular, lográronse salvar 8 vivendas, e que unha vez aprobados todos os núcleos pendentes poderíanse salvar outras oito. A voceira do Partido Popular de Gondomar recórdalle ao Alcalde que o pasado mes de xuño os partidos da oposición asinaron unha solicitude de pleno extraordinario a instancias do PP para que se continuaran coa tramitación dos núcleos, que o Alcalde tiña paralizados facía máis de un ano, e que froito desta iniciativa se retomou outra vez a tramitación dos mesmos.

O PP de Gondomar sinala que si ben a aprobación dos núcleos, que sempre contarán co seu apoio, é unha solución paliativa aos problemas urbanísticos de Gondomar, a aprobación do PXOM sería a solución definitiva, que podería estar nunha situación avanzada para a súa aprobación definitiva si non fose pola demora producida polo anterior goberno tripartito e o actual que non se preocuparon para nada de continuar coa súa tramitación, que comezara o anterior goberno do Partido Popular e que Ferreira, entre outros, encargáronse de paralizar co seu voto en contra á aprobación inicial do documento no ano 2015.

“A falta de transparencia deste goberno municipal presidido polo Sr. Ferreira no que se refire ao urbanismo, fai que non se avance na aprobación do PXOM, tan demandado polos veciños e necesario para o futuro no noso concello. Non é de recibo que os membros da corporación municipal nos decatásemos pola prensa da remisión á Xunta de Galicia do documento para o informe de impacto medioambiental e que soamente teñamos este documento unha vez que a Consellería de Medio Ambiente o publicase”, manifesta Paula Bouzós, voceira do PP de Gondomar, quen ademais engade, “agora dignouse a convocar a Comisión informativa do PXOM despois de pedilo en reiteradas ocasións e votar en contra dunha moción presentada por nós no pleno de xullo”.

“Pedímoslle a Paco Ferreira que deixe de mentir tan descaradamente, que en política non todo vale e que non xogue cos sentimentos dos veciños e menos cun tema tan sensible como é o derrube das vivendas. Debería centrarse en darlle solución aos problemas do día a día e deixarse de tanta demagoxia”. remata dicindo a voceira do Partido Popular de Gondomar.