Nigrán retira media tonelada de lixo do río Muíños na XIII Limpeza Simultánea

O Concello de Nigrán sumouse por sexto ano consecutivo este domingo a “Móllate polos Ríos”, coordinado pola asociación ecoloxista Adega e que nesta ocasión se centrou no último tramo do río Muíños, onde se retiraron preto de 500 kg de lixo na “XIII Limpeza Simultánea” de Proxecto Ríos en 49 municipios de toda Galicia. Nesta ocasión participaron preto de 50 persoas, o grupo de voluntarios máis numeroso ata a data, e entre todos reuniron unha vintena de sacos con todo tipo de material, fundamentalmente plásticos, pero tamén pneumáticos, toalliñas hixiénicas, material de obra…

O Concello de Nigrán participa nesta xornada de concienciación ambiental dende o ano 2015 baixo a iniciativa do goberno local. Desde entón, grazas o labor de voluntarios, téñense retirado do esteiro de A Foz e o río Miñor máis de dúas tonelada de lixo, principalmente botellas de vidro e material de construción e pesca, pero tamén tixolas, paraugas, cadeiras, xoguetes…

O Proxecto Ríos é un programa de Educación e Voluntariado Ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación.

“É un día de sensibilización e concienciación medioambiental no que se pon de manifesto a necesidade da correcta xestión dos residuos ao tempo que amosamos que as pequenas accións valen moito”, subliña o alcalde, Juan González.