30 voluntarios recollen 450 quilos de lixo dos ríos Zamáns e Miñor

Un ano máis, e van 13, 30 voluntarias/os de Proxectos Ríos, xunto con veciñas e veciños de todas as idades de Gondomar e outras vilas, xuntáronse na maña deste domingo para recoller todo o lixo que puideron dos cursos fluviais do centro do municipio. Recolléronse, aproximadamente, 450 kg. Destacar que este foi o ano que menos se retirou, pois había menos lixo. Xa que logo, os anos de campañas, recollidas e concienciación fixeron efecto na poboación. Na xornada de hoxe limpáronse os camiños, as marxes dos ríos e o propio leito do río Zamáns no seu último quilómetro e desde o matadoiro ata a ponte de Mañufe, xa no río Miñor.

Aínda así, aparece lixo moi vello que está mimetizado co leito do río. Atopouse, menos que outros anos, lixo “xuvenil”, sobre todo en zonas próximas ao centro da vila. “Neste senso, pensamos que é labor de pais, docentes e administración local concienciar os rapaces para que coiden o medio natural e o respecten”, sinala Pablo Casal, coordinador de Proxecto Ríos en Gondomar. “Os voluntarios fan recollidas selectivas en zonas concretas, en diferentes épocas do ano e en diferentes parroquias. Todo pasa por reducir e reutilizar, desa maneira o lixo que se xera por persoa ou familia é moito menor. Aínda queda un longo percorrido, pero sabemos por onde temos que ir”, conclúe Casal.