Concello de Nigrán e Hormigones Valle Miñor acondicionan a pista deportiva do CEE Juan María

O Concello de Nigrán vén de acondicionar a pista deportiva do Centro de Educación Especial Juan María coa colaboración de Hormigones Valle Miñor, compartindo ambos a partes iguais os 8.000 € de investimento total. Esta unión público-privada permitiu mudar sen custe algún para o centro a superficie de aglomerado asfáltico existente, totalmente deteriorada polo paso do tempo. A infraestrutura permanecía moi deteriorada e resultaba imprescindible nestes intres no que os usuarios, por cuestións de seguridade sanitaria, requiren de moitos máis espazos exteriores en boas condicións para desenvolver actividades que antes era no interior.

A mellora, que estará rematada esta semana, consiste en formigonar toda a superficie cun espesor medio de 10 cm para posteriormente pulila con cuarzo en cor vermello e, finalmente, pintala como cancha de baloncesto e de fútbol sala, tal e como o Concello xa fixera en cursos pasados no CEIP Humberto Juanes de Nigrán, CEIP da Cruz e CEIP Mallón.

“Trátase dunha obra que desde o Concello levamos a cabo nos demais colexios pola propia demanda da comunidade educativa e que o CEE Juan María levaba anos desexando acometer, sendo xa este ano imprescindible contar coa pista ao multiplicarse as actividades ao exterior, por iso nos puxemos en contacto con Hormigones Valle Miñor, que inmediatamente entendeu a situación deste centro educativo, polo que asumiu o 50% do custe, correspondente aos materiais que eles mesmos subministraron”, sinala o alcalde, Juan González, quen agradece publicamente este xesto. “Trátase dunha colaboración público-privada para dotar de espazos exteriores apropiados ao centro nun momento en que, por cuestións sanitarias, resultan imprescindibles”, conclúe.