Povisa dá a benvida a trece novos residentes

Cunha sinxela cerimonia celebrada no salón de actos do hospital, Povisa deu hoxe a benvida oficial aos trece novos médicos residentes que comezan a súa formación MIR.

Os servizos de Anestesioloxía e Reanimación, Cirurxía Xeral e do Aparello Dixestivo e Radioloxía contarán cun residente cada un deles, mentres que a área de Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía e a de Medicina Interna contarán tamén con dous facultativos. En total, serán sete residentes aos que hai que sumar outros seis do servizo de Medicina Familiar e Comunitaria. A excepcional situación sanitaria que provocou a COVID obrigou a atrasar tres meses a asignación das prazas a nivel nacional e, por tanto, o inicio da formación.

O acto de benvida estivo presidido polo xerente en funcións, José David Zafrilla, acompañado do presidente da Comisión de Docencia, Javier de la Fuente, e o director asistencial, Rafael Cabadas.

Durante o acto, a Dra. Laura González, do servizo de Medicina Interna, impartiu a conferencia maxistral “Pode unha epidemia salvar vidas?”.

Dentro do plan de aposta pola excelencia na calidade asistencial ofrecida ao paciente, a formación é estratéxica para Povisa, sendo na actualidade o único hospital privado de Galicia, e dos poucos de España, que conta con formación MIR, á que se suma a formación en Enfermería e especialidades de FP no Centro de Estudos Povisa.