O Cunqueiro estrea o novo laboratorio de microbioloxía para o sistema “pooling” de cribado da Covid-19

A Área Sanitaria de Vigo vén de poñer en funcionamento o novo laboratorio de Microbioloxía, a través do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, para o sistema do procesamento agrupado de mostras-Pooling no cribado da covid-19.

O presidente da Xunta, Alberto Nuñez Feijóo, acompañado polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, realizou hoxe unha visita ás novas instalacións e mantivo unha xuntanza cos responsables deste proxecto para coñecer a capacidade diagnóstica actual da nova estrutura e as súas potencialidades.

Neste encontro estiveron presentes o xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente; a directora da Fundación Sanitaria Galicia Sur, Beatriz Gil de Araújo; o enxeñeiro da Escola Superior de Enxeñaría de Vigo e ideólogo do proxecto, Jacobo Porteiro; e o xefe de Microbioloxía, Benito Regueiro, xunto con outros microbiólogos do servizo.

Equipos robóticos integrados

O actual laboratorio do sistema Pooling, cuxas obras remataron esta semana, permite integrar nun único dispositivo todos os equipos robóticos deste procedemento, xa que ata agora o módulo preanalítico estaba situado nunha sala diferente, o que dificultaba o proceso. Por outra banda, o novo laboratorio foi emprazado nun lugar de maior accesibilidade, o que facilitará e mellorará a entrada das mostras para procesar.

Este sistema está conformado por diferentes equipamentos: un módulo preanalítico que destapona, clasifica e rexistra a entrada da mostra, e garante que cumpra as condicións para analizar; 2 robots pipeteadores que actualmente agrupan 20 mostras nun mesmo tubo –un deles doado pola Fundación Amancio Ortega-; 2 equipos de extracción que preparan a mostra e realizan a PCR; e 3 módulos termocicladores que ofrecen o resultado final do pool.

Pooling, ferramenta diagnóstica de gran eficiencia

A xerencia da Área Sanitaria de Vigo puxo en marcha, no pasado mes de maio e por primeira vez en España, a técnica pooling, que permite analizar nun único test as mostras de varios cidadáns –agora realízase cunha vintena-, multiplicando a súa capacidade de avaliación.

Consiste en agrupar as mostras de 20 persoas diferentes e procesalas xuntas, como se fosen as dun só individuo. Se o resultado do procesamento da mostra resultante é negativo, infírese que cada unha das mostras orixinais son tamén negativas, co que se aforraría o tempo e capacidade que conlevaría o estudo individual de cada unha das mostras orixinais.

Se pola contra o resultado global é positivo, téñense que separar as mostras para volvelas procesar: ou dividindo a mostra conxunta en fraccións máis pequenas ou analizando cada unha delas de xeito individual.

Este sistema é unha ferramenta diagnóstica de gran eficiencia que permite vixiar e controlar a circulación do virus en áreas estratéxicas. Isto é, en vez de esperar a que aparezan traballadores con síntomas, realízase unha acción proactiva de busca e identificación daqueles asintomáticos, para controlar o antes posible a aparición de brotes da enfermidade e garantir áreas estratéxicas libres de virus circulante.

Polo tanto, resulta moi eficaz para testar grupos de persoas en grandes centros de traballo, como persoal sanitario, usuarios e traballadores das residencias sociosanitarias, así como colectivos das áreas industriais.

Autotoma e autorrexistro

O Procesamento agrupado de mostras-Pooling iniciouse xa hai catro meses cos profesionais dalgunha das áreas máis críticas do hospital Álvaro Cunqueiro, e hoxe en día xa está implantado en Coidados Intensivos, Urxencias, Hematoloxía e Unidades de Hospitalización Covid. Así, este persoal, xunto cos usuarios e traballadores das residencias sociosanitarias, é testado periodicamente e de xeito secuencial.

No pasado mes de agosto, este sistema iniciouse tamén co persoal dos centros de saúde, comezando polo de Val Miñor, e de xeito paralelo con traballadores doutras institucións, como a Autoridade Portuaria, e de sectores económicos clave, como a automoción ou o metal.

Aínda que inicialmente a mostra recollida para analizar era unha mostra nasofarínxea, no momento actual é unha mostra de saliva. O método de recollida é a autotoma (autorrecollida da saliva). Ademais, o persoal conta tamén cun autorrexistro, unha aplicación móbil cunha identificación unívoca que, a través dun código, rexistra cada vez que o profesional se realiza a mostra. Os resultados das análises PCR xa aparecen nesa aplicación, de xeito que o autorrexistro elimina moitos trámites

100.000 PCR mensuais

Coa estrutura actual, este laboratorio ten capacidade para procesar 100.000 mostras mensuais. Nesta actividade priorízase o cribado quincenal dos preto de 7.000 traballadores da Área Sanitaria de Vigo (14.000 ao mes) e o cribado quincenal dos 15.000 traballadores das residencias sociosanitarias de Galicia (30.000 ao mes). E o resto (56.000) utilizarse no cribado dos colectivos dos sectores industriais.