O PP de Baiona critica que non se celebre a tradicional romaría de San Cosme e San Damián

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Procesión de San Cosme e San Damián.

Os veciños de Baiona e visitantes poderán acudir este ano aos actos litúrxicos de San Cosme e San Damián, coas pertinentes modificacións polo Covid-19, pero non poderán gozar por primeira vez na historia da festa das noces e o mel, porque o goberno local decidiu non organizala escusándose na pandemia. Unha postura “contraditoria” para os populares xa que non entenden como se o tripartito di que pode garantir todos os luns, mesmo no verán, a seguridade do mercado de Sabarís non pode facer o mesmo nunha romaría con menos postos e que se celebra unha vez ao ano.

Desde o grupo municipal popular resaltan a importancia destas xornadas festivas como un atractivo para os veciños das parroquias de Baiona e dos municipios da contorna que, tradicionalmente, aproveitaban para visitar Baiona e consumir no comercio e a hostalería do centro urbano. Un aspecto moi importante para a dinamización e a reactivación económica que levou a concellos limítrofes a reinventarse e lograr adaptarse á nova normalidade e non ter que cancelar os seus eventos culturais. Con todo, o goberno local de Baiona optou pola postura “cómoda” de non planificar esta romaría popular coa desculpa do Covid-19.

É importante destacar que, do mesmo xeito que ocorre en Sabarís, a contorna da capela de Santa Liberata, onde se instalan os diferentes postos, a maioría de apicultores da comarca, tamén é unha zona natural aberta e espazosa que permitiría aos diferentes comerciantes colocarse gardando a distancia de seguridade e garantir o cumprimento das medidas anticovid establecidas polas autoridades sanitarias. Por este motivo, desde o grupo municipal popular, “descoñecemos que regras ou principios seguiu o tripartito para, unha vez máis, non organizar esta romaría e si aprobar outras cun risco epidemiolóxico similar”. “Entendemos que, simplemente, non querían molestarse en planificala”, apostilan.

A devoción remóntase a tempos ancestrais e desde entón foi gañando adeptos e importancia ata o punto de que o día de San Cosme e San Damián foi decretado como un dos dous festivos locais para que as familias puidesen gozar desta romaría popular. Para os baioneses a coñecida como festividade do mel e das noces é moito máis que unha romaría gastronómico-relixiosa, é un sentimento que o goberno local actual “desprezou”. Do mesmo xeito que o fixo cos apicultores e produtores de noces locais e comarcais aos que deixa “moi prexudicados” ao non poder vender os seus produtos durante a fin de semana como o veñen facendo desde o inicio.

Mostra do abandono de Baiona e da falta de interese do goberno local por esta romaría é o estado no que se atopan as xardineiras da praza de Santa Liberata, totalmente secas por falta de rega durante meses e que a 24 horas da festividade de San Cosme e San Damián continúan no mesmo estado.