Nigrán presenta o Plan Estratéxico de Subvencións ata o ano 2023

O goberno de Nigrán presentou na Comisión de Contas previa ao pleno do vindeiro luns o plan estratéxico de subvencións 2020-2023 co obxectivo de que queden consignadas xa nos respectivos orzamentos. Como en anos anteriores, mantéñense igual as habituais axudas a actividades deportivas, culturais, participación veciñal, servizos sociais, educación (material escolar) ou empregabilidade (becas para o primeiro emprego ou oficina de turismo) e engádense importantes novidades como axudas ás comunidades de augas ou subvencións directas a varias entidades. Tamén como en anos anteriores, o Concello destina 56.000 € á bonificación a súa veciñanza do Transporte Metropolitano de Galicia na área de Vigo.

“Trátase de fomentar desde o Concello a realización de actividades de utilidade pública ou interese social a través dun plan que mellora a eficacia na asignación de recursos públicos; a experiencia do anterior plan levounos a manter as mesmas axudas incorporando agora aspectos novos e, por vez primeira, liñas directas”, resume Juan González, alcalde de Nigrán.

Así, entre as principais novidades desta proposta de competencia plenaria figura unha liña de subvencións de 10.000 € ás comunidades de augas do municipio coa finalidade de mellorar as instalacións ou regularizar estas captacións privadas destinadas a dar un servizo a unha pluralidade de veciños. “En parroquias como Camos ou Chandebrito, onde non chega o abastecemento público a todo o territorio, estas comunidades son as que precisamente garanten este servizo básico aos veciños, polo que desde o Concello consideramos que debemos compensar o seu esforzo coa nosa axuda económica”, explica González.

Por outra banda, o Concello inclúe por vez primeira unha nova liña de axudas directas a tres entidades: Esperanza do Val Miñor para a organización do seu campamento inclusivo (2.500 €); Fundación Menela (4.000 €) para a realización do programa “Xacobeo Autismo”; e a ONG “Solidariedade Galega co Pobo Saharauí” (2.500 €) para a proxectos de cooperación ao desenvolvemento, axuda humanitaria ou sanitaria, formación ou o programa “Vacacións en Paz” suspendido este verán polo Covid-19. “Son tres entidades coas que anualmente colaboramos e coas que desexamos manter ese compromiso, polo que consideramos preceptivo incluílas no Plan Estratéxico de Subvencións 2020-2023”, resume.