Baiona celebra o día sen coche

O Concello de Baiona celebra mañá, 22 de setembro, o día de ¡La Ciudad, Sin Coche!, orixe da iniciativa Semana Europea da Mobilidade, que pretende atopar novas solucións aos problemas asociados ao aumento do tráfico nas cidades.

Na carpa situada na Praza do Concello de Baiona expoñeranse un vehículo eléctrico e outro híbrido para que os cidadáns se acheguen a coñecer os beneficios desta nova modalidade de automóbiles. Os vehículos foron cedidos por un concesionario da localidade.

Así mesmo e como forma de concienciación da cidadanía, previuse unha zona no centro restrinxida para o paso de vehículos que comprende Carabela Pinta, zona peonil (cruzamento con Cidade de Vigo) e o acceso ao Casco Antigo da vila. Concretamente a Rúa Diego de Carmona (cruzamento con Hortas Reais), unión de Rúa Conde con Ventura Misa, entrada ao casco por Hotel Pinzón e entrada ao casco desde Santa Liberata. O acceso está prohibido aos vehículos de motor, excepto urxencias, todo o día.

Con iniciativas como esta contribúese a sensibilizar á poboación e fomentar hábitos de mobilidade sostible e saudable xa que se avanza cara a unha situación de mobilidade sostible, abordando un conxunto de propostas de actuación encamiñadas a promover a intermodalidade cara a formas de transporte con menor consumo de enerxía e unha diminución do uso do vehículo privado.

O Alcalde, Carlos Gómez Prado, destacou que “o obxectivo con estas iniciativas é cambiar hábitos de mobilidade para conseguir que Baiona sexa unha cidade máis sostible e accesible”. Gómez anima á cidadanía a “deixar por un día o coche e sumarse a este proxecto que ten como fin a concienciación. Ademais desta forma contribuímos a contaminar menos, reducir o ruído e as emisións de CO2”.

Por outra banda, o primeiro tenente alcalde e concelleiro de Seguridade Cidadá, Óscar Martínez, sinala a importancia e beneficios “do uso de modos de transporte máis sostibles como o transporte público, a bicicleta e as viaxes a pé, así como promover e proporcionar unha visión máis urbanística e diferente co obxectivo de municipios e cidades accesibles”.

O tema elixido pola Comisión Europea para a campaña deste ano é “Por unha mobilidade sen emisións”. Esta temática reflicte o ambicioso obxectivo de alcanzar a neutralidade nas emisións para o ano 2050, recollido no Pacto Verde Europeo que tamén pretende resaltar a importancia da accesibilidade a sistemas de transporte de cero emisións e promover un sistema inclusivo para todas as persoas: mellor saúde, maior calidade de vida, menos contaminación.

O Concello de Baiona iniciou o pasado 16 de setembro, por segundo ano consecutivo, a participación na Semana Europea da Mobilidade que se celebra do 16 ao 22 de setembro. A Vila, que se adheriu a esta iniciativa o ano pasado e tras presentar a súa candidatura xa foi incluída nos Premios EMW Awards, na categoría de Concellos de menos de 50.000 habitantes.