A Área Sanitaria de Vigo incorpora ao sistema público de saúde a 245 profesionais de diversas categorías

O Diario Oficial de Galicia ven de publicar o nomeamento dun total de 245 profesionais na Área Sanitaria de Vigo, seleccionados na última oferta pública de emprego das categorías de celador, enfermeiro e grupo auxiliar da función administrativa. Este persoal comezou hoxe a tomar posesión das súas prazas.

Cúmprese así o obxectivo do Sergas de seguir avanzando na estabilización do seu persoal. De feito, esta toma de posesión supón a incorporación á Área Sanitaria de Vigo deste persoal con condición de fixeza, acadando así unha porcentaxe de estabilización do 75% de persoal estable. Por categorías, esa porcentaxe sería do 79% en enfermaría , do 90% en grupo auxiliar da función administrativa e do 82% en celador.

Un total de 133 destinos foron adxudicados na categoría de enfermaría que se incorporarán en distintos servizos de ámbito hospitalario; 40 na categoría de grupo auxiliar da función administrativa; e 72 na categoría de celador. Cómpre destacar a incorporación nesta última categoría, dun total de 3 celadores da quenda de discapacidade intelectual, co que se dá cumprimento á integración laboral destas persoas dentro do Servizo Galego de Saúde. Coa adxudicación das prazas, declárase finalizado o concurso-oposición para o acceso á condición de persoal estatutario fixo destas categorías.

Incorporación na súa praza ata o 19 de outubro

O persoal nomeado disporá do prazo dun mes, ata o próximo 19 de outubro,para incorporarse á praza adxudicada. Sen embargo, no dia de hoxe tiveron lugar a maior parte das incorporacións que se realizaron con cita previa no Hospital Álvaro Cunqueiro e Hospital Meixoeiro.