
Este luns arrancou no Centro de Negocios de Porto do Molle un curso de Auxiliar de Comercio dentro do proxecto Emprego Inclusivo da Fundación Érguete-Integración, promovido pola Deputación de Pontevedra e desenvolvido coa colaboración do Concello de Nigrán, e no que participan 15 persoas desempregadas.
Está pensado para mellorar a empregabilidade das persoas en risco de exclusión social, facilitando a súa incorporación ou reincorporación ao mercado laboral, mediante formación ou capacitación técnica e prácticas en empresa, e itinerarios individualizados de inserción, que engaden á formación, os servizos de orientación e intermediación laboral.
Á inauguración do curso, que se desenvolverá de luns a venres de 09:00 a 14:00 horas, asistiu Carmen Avendaño, presidenta de Érguete; os deputados provinciais Santos Héctor e Raquel Giráldez (edil á súa vez do Concello de Nigrán), e o alcalde de Nigrán, Juan González.
O curso, de 200 horas de duración e no que os participantes aprenderán a prestar atención e información ao cliente e realizar actividades auxiliares de reposición e acondicionamento no punto de venta, inclúe ademais 80 horas de prácticas en empresas e formación en prevención de riscos laborais, manipulación de alimentos, igualdade e busca activa de emprego.